Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello consegue unha reclamación histórica, a cesión do edificio das antigas casa dos mestres

Concello de Redondela
14-07-2021
0
O Concello consegue unha reclamación histórica, a cesión do edificio das antigas casa dos mestres

O Concello de Redondela vén de dar resposta a unha reclamación histórica como era a da cesión do edificio da casa dos mestres, desafectado dende o ano 2006 e, dende entón pertencía ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Cabe lembrar que o pasado 8 de xullo, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asinaba a acta pola que o Ministerio cedía ao Concello, de xeito gratuíto, a edificación coñecida como "as antigas vivendas dos mestres". Con ese paso, o inmoble pasaba a formar parte do inventario municipal, tramite imprescindible para os proxectos de futuro que o Goberno local ten para a edificación.

Mentres, o Pleno da Corporación municipal de Redondela aprobou, na noite de onte 13 de xullo, nunha sesión extraordinaria, o cambio do uso do solar no que se atopa o edificio cambiando a súa actual catalogación de dotacional docente á nova de dotacional cultural, iniciando o camiño para converter este inmoble, que durante décadas permaneceu no máis absoluto dos abandonos, nun museo etnográfico e espazo cultural polivalente.

O pleno aprobou onte o cambio de catalogación da parcela de dotacional docente a dotacional cultural, primeiro paso para a reconversión do inmoble nun museo etnográfico e espazo cultural polivalente. Con todos os trámites previos realizados, –cesión da edificación ao Concello, memoria explicativa dos fins aos que se vai dedicar o inmoble e o cambio de uso da parcela– o Concello poderá comezar a recuperación do edificio das 'vivendas dos mestres' para dar resposta a unha “reivindicación histórica dos colectivos culturais para a creación dun museo etnográfico que recolla a cultura popular de Redondela e evitar que se perda no tempo”.

A primeira actuación a realizar será a rehabilitación integral da edificación para crear un espazo polivalente na planta baixa, na que quedaría instalado un espazo de museo, con salas de exposición –tanto permanentes coma temporais–, sala de interpretación e espazo para un taller que permita a realización de actividades creativas.

Coa remodelación deste espazo céntrico e, ata o de agora, absolutamente esquecido “non só se atende as demandas realizadas dende hai anos polos colectivos culturais do municipio, senón que se pon en valor un inmoble que, de feito, xa é de por si de interese etnográfico porque forma da historia de Redondela”, subliña a rexedora redondelá.

O Goberno local subliñou que ese era o único uso posible que se podía dar o inmoble ao quedar descartado o seu uso para vivenda social. De feito, explica o Goberno local, “por unha banda o edificio é de titularidade de Patrimonio do Estado e este non permite a súa cesión a terceiros por parte do Concello”. Doutra banda, engade o Concello de Redondela “ao estar enclavado o inmoble en dominio marítimo terrestre, non permite o seu uso residencial”.