Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Gran Cesta de Nadal do comercio de Chapela, xa ten gañador

concello de redondela
03-01-2022
0
A Gran Cesta de Nadal do comercio de Chapela, xa ten gañador

Unha rosa para a súa dona e a compra de catro rifas na Floristería Vidal, fixeron que José Manuel Alonso González sexa o gañador da Cesta solidaria posta á venda polo comercio de Chapela para recadar fondos para as familias máis necesitadas.

Redondela, 30 de decembro de 2021. José Manuel Alonso González é o gañador do sorteo da Gran Cesta de Nadal logo de mercar unha rosa para a súa dona e catro papeletas na Floristería Vidal. O número dunha desas papeletas –o 02252– foi o agraciado durante o sorteo presencial celebrado no Pavillón de Chapela no que estaba presente a concelleira Olga García Ballesteros.

Cómpre lembrar que, inicialmente, o boleto premiado sería aquel que as súas catro últimas cifras coincidisen co Sorteo de Nadal da Lotería Nacional. Ao quedar esa papeleta sen vender, as e os comerciantes decidiron, con bo criterio, facer un novo sorteo presencial.

As persoas interesadas non tiñan máis que poñer os seus datos pola traseira das papeletas mercadas e depositalas na urna situada na Farmacia Loli para, posteriormente, no sorteo celebrado no Pavillón de Chapela, sacar a que sería premiada coa Gran Cesta. Foi, finalmente a papeleta 02252 de José Manuel Alonso a gañadora e a que lle permitirá levarse a súa casa un gran número de agasallos.

O comercio de Chapela recadou, a través desta iniciativa solidaria, un total de 4.210 euros que serán entregados á Cruz Vermella que os transformará en vales compra para as familias máis necesitadas desta populosa parroquia redondelá.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, felicitou ás e aos comerciantes “pola súa solidariedade” e asegurou que “son un exemplo a seguir”. “Que un dos sectores máis golpeados pola crise da Covid sexa capaz de sobrepoñerse aos seus propios problemas e busque axudar aos máis necesitados, ten que facernos recapacitar a todos sobre a forma en que podemos contribuír a axudar as persoas que nos rodean”, afirmou.