Charlas sobre alzhéimer no Multiúsos da Xunqueira
Redondela acolle expertos que tratarán sobre os últimos avances nesta enfermidade. A través deste acto, o Concello quere dar maior visibilidade e apoio á investigación para complementar o seu traballo con AFAGA.
Concello de Redondela e o Grupo SENES organizan un acto xunto a expertos e expertas da área sanitaria e social que abordarán temas como os itinerarios da demencia, a investigación, a terapia neurolóxica e o envellecemento activo. A actual Concellería de Servizos Sociais, coordinada por Iria Vilaboa, leva traballando desde 2019 coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAGA) para formar e sensibilizar sobre esta afección.
A mesa redonda terá lugar o vindeiro mércores 21 de setembro ás 19:30 horas no Multiúsos da Xunqueira. A mesa estará composta por Isabel Couñago, traballadora social e psicóloga de “Os Cortizos”; Pedro Santamaría, psicoxerontólogo e membro do grupo de Envellecemento do COPG; así como Antía Soneira, fisioterapeuta do SERGAS e especialista en terapia neurolóxica e envellecemento activo. O presentador e moderador será Pedro Álvarez, director do Grupo SENES.
Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, convida a asistir a este acto de concienciación “para estimular a colaboración na investigación do alzhéimer, pero sobre todo convida ás familias de afectados para achegar a realidade desta enfermidade e participar de forma activa”.
Durante o evento distintos portavoces da área sanitaria e social, abordarán temas como os itinerarios da demencia, a investigación biomédica e social en España, así como o diagnóstico precoz. Tamén se atenderán as reivindicacións e dúbidas daquelas persoas que padecen a enfermidade de Alzheimer e dos seus familiares coidadores.
Mesa redonda “Día Mundial do Alzheimer”
Data: mércores, 21 de setembro.
Hora: 19:30 horas
Onde: Multiusos da Xunqueira (Paseo da Xunqueira, s/n, 36800 Redondela, Pontevedra).