Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O alumnado dos IES de Redondela participa nas charlas interactivas sobre sexo, afectividade e pronografía

Concello de Redondela
23-11-2023
0
O alumnado dos IES de Redondela participa nas charlas interactivas sobre sexo, afectividade e pronografía

Máis de 600 alumnos de ESO, FP e Bacharelato dos centros de Redondela participan nas charlas formativas ao longo desta semana para falar de afectividade e sexualidade desde unha perspectiva de xénero para adolescentes. A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, estiveron esta mañá no auditorio da Xunqueiora cos alumnos do IES Pedro Floriani que asistiron á charla impartida pola educadora social e axente de igualdade Lucía Pereda. O venres 1 de decembro celébrase unha charla para as familias na que se abordará a realidade actual sobre o consumo de pornografía por parte de nenos e adolescentes. A educadora Lucía Pereda ofrecerá estratexias para abordar este tema cos fillos e fillas e previr actitudes e conductas violentas a derivadas do consumo de pornografía.

Dentro da programación co gallo do 25N a concellería de Igualdade está a organizar unhas charlas informativas para o alumnado dos institutos de Redondela e Chapela. Comezaron o luns no auditorio da Xunqueira e no Piñeiral de Chapela, e continuarán ata mañá xoves día 23 de novembro. A responsable de impartir estas charlas é a redondelá Lucía Pereda Orge, educadora social e axente de igualdade. Baixo o título “Falemos de sexo. Afectividade, sexualidade e pornografía”, as sesións realízanse desde unha perspectiva de xénero para adolescentes. Nestas xornadas participan un total de 768 alumnos e alumnas de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos dos catro institutos do municipio.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinala que o obxectivo destas charlas é “formar ao alumnado en educación afectivo-sexual, desmitificar a pornografía e reflexionar sobre as emocións vinculadas ao desexo e á sexualidade”. As sesións son interactivas, participativas e dinámicas, favorecendo o intercambio de ideas. O alumnado conta cunha na charla cunha aplicación móbil onde, de xeito anónimo, dá a súas impresións sobre temas de sexualidade, pornografía, ou o que entenden por feminismo e machismo.

A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o máis importante é que os mozos e mozas poidan expresar as súas dúbidas e inquedanzas “con total liberdade”, e que teñan información veraz “para vivir a súa afectividade e sexualidade dun xeito saudable”

A educadora Lucía Pereda explica que “a presión que se vive na rapazada pola hipersexualización que se fai das mozas nos medios, as esixencias aos rapaces de demostrar a súa virilidade e o acceso á pornografía desde idades moi temperás, son factores que inflúen directamente no desenvolvemento da sexualidade das e dos adolescentes”. Por estes motivos desde o Concello de Redondela entenden que este tipo de charlas formativas “son moi necesarias para a mocidade”, recalca a alcaldesa.

Charla para as familias o 1 de decembro

O venres día 1 de decembro será a quenda para os pais, nais e titores de nenos e adolescentes. O goberno local de Redondela entende que nas familias hai “moitas dificultades para afrontar os cambios que supuxo o acceso a Internet desde idades temperás cos riscos engadidos que supón, sobre todo os derivados da información sexual e o consumo de pornografía de nenos, nenas e adolescentes”. Esta charla pretende ser un espazo de encontro coas familias e coa poboación adulta interesada no que se analizará a realidade actual con respecto ao consumo de pornografía. Lucía Pereda explica que se ofrecerán “estratexias e habilidades para abordar este tema cos fillos e fillas, e tamén ferramentas para previr actitudes e conductas violentas a derivadas do consumo de pornografía”. Será unha sesións s activa, participativa e dinámica, favorecendo o intercambio de ideas. A cita é o venres 1 de decembro no auditorio da Xunqueira ás 19.00 horas con entrada libre.