Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela pon en valor o choco como produto de excelencia nas 'Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela'

Concello de Redondela
05-05-2021
0
Redondela pon en valor o choco como produto de excelencia nas

A iniciativa do Concello de Redondela cede o protagonismo a hostalaría e restauración locais e ao choco da baía de San Simón

O marco incomparable que ofrece sobre a baía de San Simón a Confraría de Pescadores de Redondela, en Cesantes, foi o lugar elixido polo Concello redondelán para presentar as 'Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela', unha iniciativa que xurde ante a imposibilidade de celebrar a Festa do Choco polas restricións sanitarias impostas pola pandemia da COVID-19.

Na presentación destas xornadas, que se alongarán durante 10 días, a alcaldesa Digna Rivas estivo acompañada polas concelleiras de Promoción Económica e Eventos, María Castro e Marta Alonso, respectivamente, amais de representantes da Confraría de Pescadores e os establecementos participantes nesta auténtica festa gastronómica.

“Non se podía elixir un sitio mellor para a presentación do noso produto estrela”, afirmou Digna Rivas quen lembrou que Redondela é coñecida como a vila do choco e “nestas xornadas deixaremos ben claro o porque da denominación”.

Rivas, que agradeceu “o enorme traballo que desenvolveron as concellerías de Promoción Económica e Eventos, agradeceu a colaboración e apoio da hostalaría “que non dubidaron nin un só instante en sumarse á iniciativa, achegar ideas e propostas e involucrarse na organización”.

Nas súas palabras a alcaldesa redondelá lembrou que a hostalaría e o sector do mar, “que foron os que peor o pasaron durante todo este tempo e que aínda están a sufrir as consecuencias desta pandemia e por iso esta iniciativa cumpre o dobre obxectivo de, por unha banda, poñer en valor o noso produto estrela: o choco, e por outra dinamizar a hostalaría e restauración”.

78 Gastro Bar, Antolín, Café Bar Os Amigos, Casa Consejo, Casa Mucha, Don Vinarius, Lemos, Meraki, O Xantar de Outelo, Tapería Patri e Vila Bella, ofrecen ao abeiro destas xornadas gastronómicas menús nos que poñen toda a súa sabiduría culinaria e, respectando o choco, constrúen deliciosos menús que, nalgúns casos, pódense consumir no establecemento coas medidas sanitaria esixidas ou facer a encarga para recoller no local e outros teñen pedido a domicilio totalmente de balde que corre a cargo de Roombo.

Cómpre salientar que a clientela destas Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela poderán participar no sorteo de dous interesantes agasallos. Dunha banda unha Experiencia de Turismo Mariñeiro para dúas persoas e, por outra banda, un Lote de viños Capellán, mencía e godello. Para participar non teñen máis que solicitar os cupóns de participación que estarán á disposición dos clientes dos menús nos establecementos que participan nestas xornadas gastronómicas.

Ao redor da Gastronomía, o Concello de Redondela a través da Concellería de Eventos, artellou un programa de actividades como concertos ou tres días de showcooking que será retransmitido polas redes sociais do Concello.