Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

II Choquiño Urban Jam

concello de redondela
29-06-2022
0
II Choquiño Urban Jam

A alcaldesa Digna Rivas, o concelleiro de Deportes, Nacho González e membros da organización, presentaron esta segunda edición do festival da cultura urbana “iniciativa dunha mocidade redondelá comprometida e traballadora”


Redondela, 28 de xuño de 2022

“O Choquiño Urban Jam camiña con paso firme cara a súa consolidación e a converterse nunha cita obrigada para os amantes do deporte urbano”, asegurou hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, na presentación da segunda edición deste evento que se desenvolverá o 2 de xullo, ao longo de todo o día, no skatepark de Redondela, a carón do pavillón deportivo da Marisma.

Na presentación, a rexedora local estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Nacho González, e representantes da organización “que son todos mozos e mozas de Redondela o que é un motivo máis de orgullo”, afirmou a alcaldesa que insistiu en que esta cita co deporte urbano “sería imposible sen a implicación da mocidade que amosa, unha vez máis, a súa capacidade de traballo e de compromiso con iniciativas que, como esta, seguen a poñer a Redondela no mapa dos eventos deportivos e culturais”.

Digna Rivas quixo subliñar a “importante participación” das mozas en este evento “e que por diversas circunstancias non poden estar aquí pero son Ana, Paula, Uxía e Arantxa, que forman parte da organización e que traballan arreo para que todo estea a punto para esta cita coa cultura urbana”.

Tras felicitar ao concelleiro de Deportes, Nacho González “pola súa implicación nesta segunda edición do Choquiño Urban Jam”, Digna Rivas amosou a súa confianza sobre a consolidación desta cita “que crece a pasos axigantados e que, nuns anos, formará parte das grandes citas da cultura urbana de Galicia” e lembrou que, “pouco a pouco e paso a paso naceron actividades como o Festival Internacional de Títeres que hoxe é unha referencia nacional e internacional e así sucederá co Choquiño porque temos unha mocidade traballadora, comprometida e imparable”.

Tomé, membro da organización do torneo de baloncesto 3x3, explicou que o formato será o que habitualmente se utiliza neste tipo de partidos “tres xogadores/as de campo e dous reservas, que é un formato moi dinámico e atractivo”. A competición, que ten a inscrición aberta e na que se espera superar os 20 equipos, “farase polo tradicional sistema dunha primeira fase de todos contra todos, divididos en catro grupos para dar paso a unha segunda fase na que se enfronten os dous primeiros de cada grupo”. Os partidos disputaranse, de xeito ininterrompido dende as 10 h ata as 20 horas, aproximadamente.

Pola súa banda, Marcos Formoselle e Manuel Pazos, alma mater do Choquiño Urban Jam agradecían o apoio do Concello nesta segunda edición “na que contamos cun auténtico equipazo para que todo saia á perfección”. “A desaparición das restricións –explicaba Marcos– fai que haxa máis eventos por todos lados e polo tanto, por dicilo dalgunha maneira, crece a competencia pero a afluencia de participantes e público promete ser espectacular nesta segunda edición”.

“Traballamos este ano nunha maior difusión do evento –engadía pola súa banda Manuel Pazos– tanto a través das redes sociais como dándoo a coñecer nos skatepark das poboacións dos alrededores”. Pazos aseguraba que “é unha xornada moi atractiva” xa que ás competicións de skate, scooter, bmx e baloncesto 3x3, engádese unha exhibición de baile a cargo de Dansarey, un concerto con Lian Mo e Buyo & Soliño e unha sesión DJ con DJ Fergwel.