Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Mamasunción: Cinema Galego para este Nadal

Concello de Redondela
12-12-2019
0
Mamasunción: Cinema Galego para este Nadal

O Servizo de Normalización Lingüística organiza o ciclo Novo Cinema Galego para este Nadal. Con esta actividade quérese difundir as novas xeracións dedicadas ao cine galego, que ten como protagonista a lingua galega, e que acada numerosos e continuados recoñecementos internacionais, tanto en curta coma en longametraxe.

As entradas están a 2 euros e pódense mercar/reservar no Multiúsos da Xunqueira. Todas as proxeccións serán no Auditorio da Xunqueira.

Mamasunción, de Chano Piñeiro (21 de decembro, 20:30)

Con esta escolla quixemos homenaxear a valentía, o esforzo e o compromiso co país que Chano Piñeiro demostrou. Foi o pioneiro do cinema en lingua galega e foi quen de iniciar unha forma de comprender o cinema dende Galicia, con influencias perceptibles aínda hoxe na vaga do Novo Cinema Galego.

Ao rematar a proxección, faremos un coloquio con Mariluz Montes (viúva de Chano) e con Ignacio Vilar (director de cine). Unha forma de gozar co cinema de Chano e, deseguido, compartir reflexións e ideas en conxunto. A arte, o cinema, como un espazo máis para o pensamento en colectivo.

A curtametraxe coa que Chano Piñeiro, cineasta pioneiro en Galicia, iniciaría o cinema en lingua galega. A historia dunha anciá analfabeta que vive á espera das novas do seu fillo emigrado. Unha crónica de realismo galego que mestura o amor de nai fronte ao egoísmo social. Esta obra foi a primeira emisión da Televisión de Galicia, o 25 de xullo de 1985. O seu éxito chamou a atención de festivais internacionais.

Trinta lumes, de Diana Toucedo (26 de decembro, 20:30)

Alba ten doce anos e desexa descubrir o descoñecido, misterioso e fascinante da morte. Canda ao seu mellor amigo, Samuel, entran en casas abandonadas, percorren aldeas destruídas e adéntranse no interior dunhas montañas que agochan outro mundo paralelo. Unha viaxe que parte da inocencia para descubrir o misterio da loita entre a vida e a morte, entre o mundo dos vivos e dos mortos. A cámara acompaña nesta exploración do "outro lado".