Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

As obras do viario de Chapela comezan este mes

Concello de Redondela
10-10-2023
0
As obras do viario de Chapela comezan este mes

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto con representantes de Audasa, a empresa Civil Global e o Ministerio de Fomento, reuniuse onte pola mañá coa Asociación de Afectados da AP-9 e as Asociacións de Veciños de Chapela e Trasmañó para explicarlles en que consistirán as obras e o seu cronograma. A próxima semana celebrarase un acto aberto a toda a veciñanza no que se darán a coñecer todos os detalles das obras.

Os traballos centraranse na mellora do viario de Chapela e Trasmañó na contorna das obras de ampliación da AP-9. Ampliarase o paso sobre a autoestrada que dá acceso a San Vicente de Trasmañó, renovarase o Camiño Mouriño e realizaranse melloras no Camiño da Igrexa e Rúa Pasán, ademais de renovarse as redes de abastecemento, a iluminación pública e dous parques infantís da zona. As obras contan cun orzamento de 2,65 millóns de euros e o prazo de execución é de 9 meses. Rivas destaca “o incansable traballo e compromiso dos colectivos veciñais, e grazas a ese traballo conxunto co Goberno de Redondela agora poñemos fin a un problema que afectaba seriamente a calidade de vida da veciñanza na contorna da AP-9”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, reuniuse onte pola mañá na Casa da Cultura da vila con representantes da Asociación de Veciños de Chapela, a Asociación de Veciños de Trasmañó e da Asocaición de Afectados da AP-9. Na xuntanza, á que acudiron tamén representantes da concesionaria da autoestrada, Audasa, da empresa Civil Global e do Ministerio de Fomento, serviu para informar aos colectivos veciñais do inminente inicio das obras, previsto para finais deste mes de outubro. Rivas adiantou tamén que a próxima semana celebrarase en Chapela un acto aberto a toda a veciñanza no que a alcaldesa e os técnicos explicarán en detalle en que consistirán esas obras e os prazos previstos.

Os traballos centraranse na reposición e mellora do viario de Chapela e Trasmañó na contorna das obras de ampliación da AP-9, entre os quilómetros 149 e 152. Entre as actuacións contémplase a ampliación do paso sobre a autoestrada que dá acceso a San Vicente de Trasmañó e melloras das sendas adxacentes. Instalarase unha estrutura metálica na marxe dereita que cunha zona peonil de 1,5 metros de ancho e máis amplitude para o tráfico rodado. Renovarase o saneamento e rehabilitarase o Camiño Mouriño, na marxe esquerda da N-552, baixo a estrutura da autoestrada. No Camiño da Igrexa e na Rúa Pasán construiranse redes de abastecemento, de pluviais e instalarase nova iluminación pública, renovación de pavimiento da calzada e de dous parques infantís da zona. Civis Global será a empresa que realizará as obras, que contan cun orzamento de 2,65 millóns de euros e un prazo de execución de 9 meses. O proxecto inclúe as necesarias actuación de integración ambiental, estética e paisaxística e é compatible coa instalación das pantallas antirruído nese tramo, proxecto que se está a desenvolver de xeito paralelo.

A rexedora amosou a súa satisfacción porque estas obras comecen xa "de xeito inminente", e que contemplen "todas as alegacións feitas polos colectivos", xa que estas melloras e reposicións son "irrenunciables" e desde o Concello "loitouse para que a débeda que o Ministerio ten con Chapela fora resarcida”, afirma Digna Rivas. A alcaldesa lembra que en outubro de 2018, co anterior goberno de Mariano Rajoy, o Ministerio de Fomento prometía ultimar os trámites para a mellora dos viais en Chapela "e a propia Asociación de Afectados pola AP9 denunciou o retraso de ano e medio na execución das obras". Foi en 2019, o entrar no goberno local o executivo de Rivas cando a alcaldesa mantivo reunións cos responsables do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana "non só para darlles conta das xustas reivindicacións dos veciños e Asociación de Afectados da AP9, senón tamén para comezar a traballar e alcanzar compromisos en firme para solucionar a reposición de viais que recollía a adenda", sinala a alcaldesa. Na mesma liña engade que "de todas as reunións mantidas coa Delegación do Goberno e Fomento, sempre se comunicou os avances e se mantivo informados aos colectivos implicados".

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, non ocultaba a súa satisfacción ao sinalar que, tal e como quedaba demostrado, "os compromisos que adquire o Goberno de Pedro Sánchez, non quedan en palabras baleiras ou boas intencións, senón que se cumpren”. Quixo Rivas destacar "o incansable traballo e compromiso da Asociación de Veciños de Chapela, da Asociación de Veciños de Trasmañó e da Asociación de Afectados pola AP-9 e que, froito dese traballo conxunto co Goberno de Redondela, agora estamos poñendo punto e final a un problema que afectaba seriamente a calidade de vida da veciñanza da contorna da AP-9”.