Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Concellería de Medio Ambiente desenvolverá esta semana novas accións de fomento da compostaxe doméstica e comunitaria

concello de redondela
18-10-2021
0
A Concellería de Medio Ambiente desenvolverá esta semana novas accións de fomento da compostaxe doméstica e comunitaria

Redondela, 16 de outubro de 2021. A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela, que xestiona Alberto Álvarez, manterá durante esta semana novos encontros coa veciñanza para dar a coñecer as vantaxes da compostaxe como alternativa á xestión tradicional de residuos sólidos urbanos. Amais das actividades encamiñadas ao fomento do uso dos composteiros domésticos, os técnicos manterán reunións con veciños e veciñas para informar sobre a compostaxe comunitaria.

Así, tanto no Centro Cultural de Soutoxusto, o luns 18 de outubro, ás 19:30 horas como no Centro Cultural de San Estevo de Negros o mércores 20 de outubro, repartiránse os composteiros domésticos entre a veciñanza que o tivera solicitado e, ao mesmo tempo, os técnicos impartirán unha pequena charla informativa sobre a súa utilización e como sacarlle un maior rendemento.

Doutra banda unha actividade similar levarase a cabo o martes 19 de outubro no Círculo Recreativo Cultural de Redondela; o xoves 21 de outubro no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela e o martes 26 de outubro no Multiúsos da Xunqueira, todos ás 20 horas. Nesta ocasión, amais da entrega de composteiros, ofrecerase información sobre a compostaxe comunitaria.

A compostaxe comunitaria permite, entre outras cousas, que poidan participar na reciclaxe de residuos orgánicos domésticos aquelas persoas que non poidan optar á compostaxe doméstica –por non cumprir os requisitos ou calquera outra circunstancia– ou que simplemente non desexen contar cun composteiro individual.

Trátase, explica Alberto Álvarez, de ofrecer á cidadanía todas as ferramentas que precisan para “ben de xeito individual ou comunitario, realizar un cambio de tendencia no tratamento tradicional do lixo orgánicos conseguindo, a cambio, un abono de primeira calidade e contribuíndo a unha redución dos residuos sólidos urbanos”.