Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello urxe á Xunta de Galicia que confirme a consignación orzamentaria para a construción da Escola Infantil de Chapela

Concello de Redondela
13-02-2021
0
 O Concello urxe á Xunta de Galicia que confirme a consignación orzamentaria para a construción da Escola Infantil de Chapela

A alcaldesa Digna Rivas mantivo unha xuntanza telemática co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar na que lle trasladou o “compromiso firme” do Concello coa construción desta unidade educativa.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, mantivo na mañá do pasado xoves unha reunión telemática co director xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, para tratar sobre a construción da Escola Infantil na finca da Ginaria, en Chapela.

Por parte do Consorcio trasladóuselle á alcaldesa que para asinar un convenio de colaboración para a construción da Escola Infantil, o Concello debería elaborar o proxecto, punto no que o Goberno local estaría de acordo “sempre e cando houbera un compromiso firme e a correspondente consignación orzamentaria para tal obra por parte da Xunta de Galicia”.

O certo é que os servizos técnicos do Concello salientan a imposibilidade de facer un proxecto previo para unha obra de tal calibre sen dito compromiso orzamentario. Nesa liña, a alcaldesa lembrou que Zona Franca, para asinar un convenio de colaboración do Concello de Redondela, “cuantificou o orzamento reservado para distas actuacións nos Orzamentos Xerais do Estado”.

Digna Rivas considera que “non é de recibo” pretender que o Concello acometa a redacción dun proxecto “sen saber con certeza se logo o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar vai ter os fondos necesarios para acometer a obra”.

Todos os problemas que agora presenta o Consorcio para a construción desta Escola Infantil, matiza a alcaldesa de Redondela, chocan coa presa que tiñan o propio Consorcio e o entón Goberno do PP, en asinar un “protocolo express” para a construción deste equipamento poucos días antes das eleccións do 2019, “sen existir daquela nin o proxecto que agora esixen, nin a Modificación Puntual das Normas Subidiarias que permitiran a instalación desta escola infantil nos terreos elixidos e que este Goberno xa tramitou e está a espera da aprobación por parte da Xunta de Galicia”.

En vista das actuais circunstancias e a tenor da conversa mantida hoxe, Digna Rivas “urxe” á Xunta de Galicia “comprometa a correspondente consignación orzamentaria para que, o Concello, poida iniciar os trámites de redacción do proxecto”. A alcaldesa lémbralle ao Consorcio que “os servizos técnicos municipais xa trasladaron á Alcaldía a imposibilidade de iniciar ditos trámites sen que haxa un compromiso expreso por parte da Xunta”.

Digna Rivas insistiu en que a escola infantil de Chapela “é unha necesidade urxente para as nais e pais dos nenos e nenas da parroquia e, este Goberno, utilizará todos os medios ao seu alcance”.