Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello amosa a súa satisfacción polos novos cribados COVID que se realizarán nesta vindeira semana

Concello de Redondela
06-02-2021
0
O Concello amosa a súa satisfacción polos novos cribados COVID que se realizarán nesta vindeira semana

A alcaldesa agradece á Consellería de Sanidade e á xerencia da Área Sanitaria de Vigo que teñan atendido as demandas que, nese sentido, realizou o Goberno local. O Concello de Redondela vén de expresar a súa satisfacción pola realización de novos cribados COVID no municipio, tal e como adiantou hoxe a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia á alcaldesa de Redondela, Digna Rivas. En concreto realizaranse un total de 6.000 novas probas, –3.000 para a veciñanza de Redondela e outras 3.000 para Chapela– que se suman ás xa efectuadas en datas pasadas.

Doutra banda, a Consellería tamén confirmou que ao longo dos vindeiros días efectuarase esta proba ao alumnado do IES Illa de San Simón.

A alcaldesa agradeceu que a Consellería de Sanidade e o seu titular, Julio García Comesaña, así como o Francisco Javier Prieto, xerente da Área Sanitaria de Vigo, atenderan as demandas que, nese sentido, tiña realizado o Concello redondelán. “Coñecer a incidencia da COVID no noso municipio –afirmou a alcaldesa de Redondela– é fundamental para poder optimizar os nosos recursos á hora de tentar frear a expansión desta pandemia”.

A rexedora local tamén quixo agradecer á veciñanza de Redondela “o seu alto grao de responsabilidade –agás casos moi puntuais– á hora de cumprir as normas e contribuír a que, entre todos e todas, poidamos volver canto antes á maior normalidade posible”.