Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Concentración mensual contra a violencia de xénero diante do Concello

Concello de Redondela
28-03-2019
0
Concentración mensual contra a violencia de xénero diante do Concello

A Concellaría de Muller e Igualdade, dirixida por Teresa París, informa sobre a CONCENTRACIÓN MENSUAL EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO.

O Concello de Redondela convida a toda a veciñanza a unirse á concentración en contra da violencia de xénero correspondente ao mes de abril.

Esta iniciativa, ideada e consensuada polo Consello Municipal da Muller no que participan colectivos de mulleres redondelás, partidos políticos e sindicatos, ten como obxectivo aumentar a visibilidade deste tipo de violencia e tamén sensibilizar á poboación sobre que a eliminación destas condutas violentas contra a muller, depende de todas e todos. Tamén se quere mostrar a repulsa da cidadanía redondelá cara a violencia de xénero e o seu apoio a todas as persoas vítimas desta lacra social.

O acto, que se desenvolverá o vindeiro luns 1 de abril na praza do Concello ás 19:30 horas, incluirá ademais da propia concentración a lectura dun texto que será colleita, neste mes, do Círculo cultural de Chapela. E como símbolo se gardará un minuto de silencio e se procederá a colocación dunha lona en contra da violencia de xénero no balcón do Concello dende primeiras horas do día.

O Concello de Redondela e os membros do Consello Municipal da Muller convidan á cidadanía redondelá a participar cada mes nesta concentración mostrando así o seu  rexeitamento contra a violencia de xénero e calquera outra forma de violencia e a súa concienciación da loita contra esta lacra social.

Para máis información podédesvos dirixir ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) na rúa Isidoro Queimaliños, núm. 2, ou chamando ao 986 40 80 43.