Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Concertos de verán

Concello de Redondela
05-07-2022
0
Concertos de verán

O concello de Redondela, a través da Concellería de Cultura dirixida por Iria Vilaboa, organizará, dende o vindeiro 8 de xullo e ata o 3 de setembro ata seis concertos musicais onde o rock adquire un claro protagonismo. Bulsata Tributo a Queen, Elëven e Miguel Costas, M-Clan, Heredeiros da Crus e RMS, encherán de música as prazas redondelás uníndose, a este extraordinario cartel, o Berete Rock de Chapela.

O primeiro dos concertos terá lugar xa este vindeiro venres 8 de xullo, a cargo de Bulsara. Tributo a Queen, na Praza da Torre ás 22 horas, nunha cita musical totalmente de balde.

O 16 de xullo, tamén na Praza da Torre a partir das 22:30 h, será a quenda de Elëven e Miguel Costas. A banda nacida no 2019 e afincada en Redondela –o Concello segue a apostar forte polas bandas e cultura local– únese a un nome como o de Miguel Costas, inseparable da música da movida logo de ter formado parte das bandas viguesas Los Feliz, Aerolineas Federales e Siniestro Total.

Xa o 27 de xullo, para pechar mes, nada mellor que un dos nomes inseparables ao rock e pop nacional como é M-Clan nun concerto que ofrecerá a partir das 22 horas no Campo da Feira.

Dous serán as citas musicais en Redondela no mes de agosto. A primeira delas o 6 de agosto con todo un clásico: o Berete Rock que nun marco incomparable como o Paseo Marítimo de Chapela e a partir das 21 horas, encherá o seu escenario coas actuacións, xa confirmadas, de Los Motores y Atreides, El Tren, Nostromo e Moon Cresta.

O 20 de agosto, o Campo da Feira volve a transformarse nun espazo de música co concerto que ofrecerán Heredeiros da Crus na súa xira de 30 aniversario. Os creadores de Está que te cajas!, Des minutos, Ereciones Musicipales ou Recambios Tucho, entre outros, fará sonar o seu hard rock e blues rock na noite redondelá.

O último dos concertos será o día 3 de setembro ás 21:30 horas na Praza da Torre con RMS. A banda formada no 2009 por Juanchi Reyes, Carli Míguez y Xoel Schwarz, destaca por ser capaz trasladar, calquera canción, ao seu estilo propio en directos cun amplo repertorio musical que vai dende os anos 60 aos 80.