Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Consello Forestal de Redondela aposta polo galego comprometéndose a fomentar o seu uso

Concello de Redondela
23-11-2021
0
O Consello Forestal de Redondela aposta polo galego comprometéndose a fomentar o seu uso

A proposta, presentada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela supón un paso máis “na implicación dos axentes sociais do municipio na utilización do noso idioma”. Na reunión celebrada o pasado 16 de novembro, o Consello Forestal de Redondela, do que é membro o Concello redondelán, aprobou unha declaración a prol da lingua galega, iniciativa presentada polo Departamento de Normalización Lingüística e que recolle “o compromiso das comunidades de montes de usar a lingua galega tanto na documentación interna como na externa, así como esixir as empresas de xestión forestal que os contratos, indicacións, avisos etc. estean escritos en galego”.

O documento, aprobado por unanimidade supón, segundo a alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, “un paso máis para implicar no proceso de normalización lingüística aos axentes sociais de Redondela”.

A alcaldesa destacou a importancia “do consenso” arredor do galego e a “importancia do compromiso das comunidades de montes en favorecer o idioma”. O Concello, adiantou Digna Rivas, pon os recursos do SNL “ao servizo das comunidades de montes, como a toda a cidadanía en xeral, para favorecer e dar continuidade a este acordo que debe ser un exemplo a seguir en toda Galicia”.

Dentro desa colaboración do SLN, este comprométese a “apoiar e publicitar todas as iniciativas e actividades que se fagan dende as comunidades de montes a prol da lingua galega”.

O Consello expresou “a súa satisfacción” de poder participar neste proceso de normalización lingüística porque, afirma con rotundidade “o mellor legado cultural que podemos deixar ás vindeiras xeracións é a lingua galega”

Pioneiros na normalización lingüística

As distintas iniciativas realizadas dende o Concello de Redondela, como a creación do primeiro Servizo de Normalización Lingüística (SLN) ou o premio de novela Blanco Amor (un dos máis prestixiosos da literatura galega), situaron ao municipio redondelán, no seu momento, como pioneiro na promoción do galego.

A súa chegada ao Concello, o novo Goberno tivo claro que non había que “acomodarse” nos logros pasados, senón seguir desenvolvendo iniciativas tendentes ao fomento do galego e a normalizar o seu uso, de aí xurdiron propostas como as realizadas coa Confraría de Pescadores de San Xoán de Redondela ou no comercio local de proximidade.

Agora, a estas propostas, súmase o Consello Forestal de Redondela porque, é indiscutible, que o galego atopa nas comunidades rurais e periurbanos un dos espazos máis favorables para o seu uso e transmisión. “O monte falou sempre en galego”, sinala o texto do acordo acadado e aprobado por unanimidade polo Consello Forestal, “os nomes das árbores, das plantas que eran parte da medicina popular, da tradición oral ateigada de lendas, da toponimia transmitida durante milenios, dos animais que conviven coa paisaxe… todo fala en galego. Por iso, o uso da nosa lingua é unha pura congruencia con esta realidade”.

 

 

IMAXE: Web Xunta de Galicia