Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Consello Municipal da Infancia e Adolescencia de Redondela anima á rapazada a sumarse “para construír un concello á nosa medida”

Concello de Redondela
08-02-2021
0
O Consello Municipal da Infancia e Adolescencia de Redondela anima á rapazada a sumarse “para construír un concello á nosa medida”

O Consello, que se une dúas veces ao mes, pon sobre a mesa todos aqueles temas que son de interese para a infancia e mocidade e acadar melloras sobre os mesmos.

O Consello Municipal da Infancia e Adolescencia de Redondela, que nestes momentos está formado por 10 nenos, nenas e adolescentes do municipio, vén de facer un chamamento á rapazada do municipio para que sumen a esta iniciativa que, dúas veces ao mes, pon enriba da mesa todas aqueles temas “que poden ser de interese para a infancia e adolescencia do noso concello e para traballar en acadar melloras”, sinalan no seu escrito.

Trala reunión deste pasado venres de cara a seguir co traballo iniciado no mes de decembro –reunións que de momento celébranse de xeito telemático–, lanzan unha mensaxe “para convidar a outros nenos, nenas e adolescentes a sumarse a este grupo. Unídesvos?”

“Cada dúas semanas falamos, debatimos, compartimos ideas e propostas para construír un concello á nosa medida”, explican no escrito dirixido a toda a rapazada redondelá. “Neste momento –engaden os e as compoñentes do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia– estamos dándolle forma ao nome e ao logotipo do noso grupo, así como elaborando unha listaxe de libros para pedirlle á biblioteca municipal coas propostas dos compañeiros e compañeiras dos nosos centros escolares”.

“Este grupo de participación formámolo 10 nenas/os e adolescentes do municipio, pero está aberto para que ti te sumes. Só tes que ter entre 8 e 18 anos para poder formar parte e achegar a túa visión e ideas. Precisamos ser moitas e moitos máis para que a nosa voz se escoite con maior forza e sexa máis diversa”.

Para unirte, remata o escrito do Consello “só tes que escribir a participacion@ateliersocial.org ou chamar ao número de teléfono 604 086 970. Estamos agardando por ti, ÚNETE!!!”.

A Concelleira de Mocidade, Olga García Ballesteros, salientou a importancia do traballo que está a realizar o Consello Municipal da Infancia e Adolescencia “e da necesidade que nenos e nenas, mozos e mozas, implíquense nesta iniciativa para axudar a construír un municipio non só de todos e todas, senón para todos e todas”.