Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

“A biblioteca que viaxaba no tempo”: Olga Abad achega un contacontos para o público máis cativo na Biblioteca Xela Arias

Concello de Redondela
07-04-2022
0
 “A biblioteca que viaxaba no tempo”: Olga Abad achega un contacontos para o público máis cativo na Biblioteca Xela Arias

No mes de abril sempre estamos a tope nas bibliotecas, pois resulta en ser o mes das efemérides máis interesantes a carón do libro e da lectura, como o Día do Libro Infantil e mais o propio Día do Libro.

Queremos facer unha festa arredor dos libros e a lectura, e para iso pensamos no público máis cativo das nosas bibliotecas: as crianzas que, acompañadas das súas familias, descobren por vez primeira as nosas instalacións e o pracer de levar prestados os libros para a casa.

Así que, tralo descanso de Semana Santa, a Biblioteca Xela Arias de Chapela acollerá unha desas actividades que tanto nos emocionan, porque se dirixen aos máis pequechos. Contaremos coa narradora Olga Abad para achegarnos unha historia emocionante: “A biblioteca que viaxaba no tempo”.

Mediante técnicas como a narración e o teatro de papel, o espectáculo conta a historia dunha pequena vila onde hai unha biblioteca e un obradoiro. Un día chega unha empresa construtora que transforma o lugar, converténdoo nunha cidade chea de xente moi triste. A bibliotecaria e mais a inventora atoparán nos libros máis antigos da biblioteca as instrucións para facer unha viaxe no tempo na que atopar a alegría para traela de novo á vila.

Un espectáculo pensado en crianzas de entre 18 meses e 4 anos, que terá lugar o venres 22 de abril, ás 18:00 h.

Para participar deberedes inscribirvos na biblioteca: 
– Tlf: 986-454-226
– Correo: bibliotecachapela@redondela.gal