Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Contas de pago básicas

Concello de Redondela
20-05-2021
0
Contas de pago básicas

Que son?

Unha modalidade de contas reguladas polo goberno para facilitar o acceso dos consumidores aos servizos bancarios básicos.

  • Os bancos están obrigados a ofrecelas, dalas a coñecer e informar das características.
  • Os bancos non poden impoñer condicións como a contratación doutros servizos: seguros, tarxetas de crédito.

Que servizos prestan?

  • Depósito de fondos.
  • Retirada de diñeiro en efectivo.
  • Domiciliar recibos e realizar pagos mediante tarxetas de débito ou prepago.
  • Realizar operacións de pago dentro da Unión Europea cun límite de ata 120 anuais en euros.

Pódenme denegar a contratación deste tipo de contas? Si, por tres causas:

  • Que xa sexas titular en España dunha conta corrente.
  • Que a apertura da conta sexa contraria aos intereses da seguridade nacional ou de orde pública.
  • Que non achegues a información que che solicite a entidade para cumprir coas súas obrigacións en materia de branqueo de capitais ou de financiamento do terrorismo.

Que comisións poden cobrar por contratar estas contas?

  • Tarifa xeral: un máximo de 3 euros mensuais, que cubrirían os servizos indicados.
  • Tarifa gratuíta: 0 euros para colectivos en situación de ESPECIAL VULNERABILIDADE OU EN RISCO DE EXCLUSIÓN FINANCEIRA.

Quen pode abrir unha conta de pago básica gratuíta?

Aqueles colectivos que, pola súa situación de VULNERABILIDADE, teñen máis difícil o acceso a este tipo de contas. Nestes casos, segundo o Real Decreto 164/2019, de 22 de marzo, as contas de pago básicas serán gratuítas.

A que nos referimos con “situación de vulnerabilidade”?

A conta sen comisións está dirixida a persoas que teñan dereito a unha conta de pago básica de tipo xeral. Para que ademais sexa gratis debes reunir dúas condicións:

  • Que os ingresos anuais da túa unidade familiar non superen os límites establecidos no citado Real Decreto. Estes límites fíxanse de acordo ao indicador público de renda de efectos múltiples de doce pagas (IPREM) que se publica anualmente na Lei de Orzamentos do Estado , e son máis ou menos esixentes dependendo do número de membros da unidade familiar.
  • Que non teñas dereitos sobre outros inmobles distintos á túa vivenda habitual.

Estes requisitos debes cumprilos tanto ti como o resto de titulares ou persoas autorizadas na conta. Para demostrar estes requisitos, tes que presentar ao teu banco distintos documentos:

  • Para acreditar o número de membros da unidade familiar, o libro de familia ou documento da inscrición como parella de feito.
  • Para acreditar os teus ingresos, tes varias opcións: certificados tributarios ou administrativos relativos aos teus ingresos, as últimas nóminas percibidas.

Cando non dispoñas desta documentación, deberás presentar un informe emitido polos SERVIZOS SOCIAIS municipais, no que se indique a composición da túa unidade familiar ou que se explique por que es apto para obter esta medida.

Non esquezas que aínda que xa teñas aberta unha conta de pago básica xeral pola que pagues comisións, se a túa situación cambia, podes solicitar a súa gratuidade se cumpres cos requisitos mencionados. Se cha conceden será gratuíta desde o momento que a solicitaches.

O teu banco dispón como máximo de 30 días desde que achegues a documentación para aceptar ou rexeitar a túa solicitude, decisión que deberá comunicar por escrito e de maneira gratuíta. No caso de que non conteste nese prazo, a túa petición enténdese aceptada. Ademais, no caso de que non esteas de acordo coa súa decisión, poderás reclamar.