Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela contratará persoas desempregadas para os traballos de roza do municipio grazas a unha achega do Plan Concellos

Concello de Redondela
08-02-2021
0
Redondela contratará persoas desempregadas para os traballos de roza do municipio grazas a unha achega do Plan Concellos

Por primeira vez, o Concello contratará directamente 11 persoas para o rozado de estradas e camiños municipais en lugar de facelo a través dunha empresa.

Un total de 11 persoas da especialidade de peón forestal, serán as que contrate directamente o Concello de Redondela para que desenvolvan as labores de roza nas estradas e camiños de titularidade municipal, traballo que ata o de agora era encargado a unha empresa.

Será por tanto a primeira vez que o Concello se faga cargo directamente desta contratación para un traballo “que será desenvolvido por persoas desempregadas do municipio e dentro da filosofía do Goberno local de contribuír, dentro das súas competencias, á xeración de emprego”.

A maiores da contratación destas 11 persoas para as brigadas de rozado, o Concello mantén o denominado retén de mantemento –este si a través dunha empresa–, unha iniciativa que puxo en marcha o Goberno local no pasado ano e que permitiu que, unha vez rematadas as labores de roza dos catro lotes contratados, este quinto lote de reforzo actuase o resto do ano onde alí o aconsellaban as circunstancias, desenvolvendo un traballo de mantemento.

A contratación directa do persoal por parte do Concello –unha idea que o Goberno local tiña en mente dende a súa chegada ao Concello– “permite axilizar a contratación e, polo tanto, optimizar os prazos e o traballo a desenvolver” explica a alcaldesa Digna Rivas quen destaca a importancia que ten esta iniciativa “para as veciñas e veciños que están en situación de desemprego e para os que estas contratacións son unha axuda para a súa economía familiar”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou a importancia do Plan Concellos para que os concellos “poidan fomentar a xeración de emprego entre a súa veciñanza” como é, neste caso, coa contratación destas 11 persoas para a roza dos camiños amais de 1 técnico/a medio ambiente, 1 carpinteiro/a, 3 técnicos/as de turismo, 1 traballadora social e 1 electricista.