Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela continúa ofrecendo cursos de iniciación á Lingua de Signos

Concello de Redondela
03-05-2023
0
Redondela continúa ofrecendo cursos de iniciación á Lingua de Signos

A actividade ofrécese na nova Oficina de Turismo en Redondela do 9 de maio ao 29 de xuño e na Aula Cemit de Chapela do 24 de maio ao 3 de xullo. Un ano máis, a Concellería de Servizos Sociais que dirixe Iria Vilaboa organiza dous cursos presenciais de iniciación á Lingua de Signos (Nivel A1.1). Son totalmente de balde e a inscrición está limitada ata esgotar prazas. A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu “o interese amosado pola veciñanza en iniciativas deste tipo ” que reflecten “un alto grao de sensibilidade e solidariedade á hora de aprender unha lingua que vai facilitar a comunicación coas persoas xordas e facilitar a súa integración social”.

O curso de Nivel A1.1 tivo o ano pasado unha longa lista de espera polo que dende o Concello amosan a intención de continuar ofrecendo actividades orientadas á aprendizaxe da Lingua de Signos. A rexedora local explica que “desta vez aumentamos o número de prazas ofrecendo o mesmo curso en Chapela e Redondela”.

O curso, que ten unha duración de 30 horas lectivas, impártese os martes e xoves na nova Oficina de Turismo (Rúa Isidoro Queimaliños, 2) de 11h a 13h e os luns e mércores na Aula Cemit de Chapela (Rua Manuel Rguez Casal, 3) de 16:30h a 19h. A inscrición realízase no rexistro do Concello de Redondela e priorízanse ás persoas que non participaran nos cursos destas características anteriormente desenvolvidos para, dese xeito “poder permitir que un maior número de persoas tomen contacto coa Lingua de Signos”, conclúe Rivas.