Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Goberno municipal reitera que acata a decisión da Dirección Xeral de Patrimonio con respecto ás obras da Praza de Ponteareas

Concello de Redondela
08-11-2021
0
O Goberno municipal reitera que acata a decisión da Dirección Xeral de Patrimonio con respecto ás obras da Praza de Ponteareas

O Goberno local de Redondela lembrou hoxe, a raíz do achado dun muro de contención do século XIX nas obras de humanización da Praza de Ponteareas, que o Concello “carece de competencias en materia patrimonial, correspondendo estas á Dirección Xeral de Patrimonio (DXP) que é a que marca a pauta a seguir nestes casos”. Polo tanto o Goberno que preside Digna Rivas reitera o acatamento da decisión adoptada pola DXP con respecto ás anteditas obras.

Dada esa carencia de competencias, o Goberno considera “totalmente fora de lugar” as afirmacións do Grupo Municipal Popular, nas que asegura que “o Goberno local decidirá en solitario sobre os restos atopados en Vilavella”. De feito, o PP, asegura a concelleira de Patrimonio, María Castro, “oculta deliberadamente que dende finais de outubro ten no seu poder un informe exhaustivo sobre este asunto no que tamén figura a decisión adoptada, e trasladada ao Concello, polos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Cómpre lembrar que a eficiencia do control arqueolóxico que se leva sobre as obras da Praza de Ponteareas –realizado por un arqueólogo contratado polo Concello– quedou demostrada cando o 29 de setembro e como se prevía no estudo histórico realizado previamente, atopouse un muro de contención construído no século XIX.

Nese momento, explica a alcaldesa Digna Rivas, e seguindo o protocolo establecido “as obras paralizáronse de inmediato comunicándose o achado á DXP”. O informe sinala claramente que, “ao tratarse dun muro de contención contemporáneo, a decisión dos técnicos de Patrimonio foi a de desmontar a estrutura onde fose necesario trala súa documentación exhaustiva (fotografía, debuxo de alzado e perfís, topografía e demáis)”.

Dáse a circunstancia que o muro atópase no medio de unha rede de servizos de saneamento e na entrada ao garaxe das casas colidantes polo que “non era posible a súa conservación por enteiro e procedeuse a súa desmontaxe parcial controlado polo arqueólogo director da intervención”.

Pese a tratarse dunha obra contemporánea, o Concello obtivo da dirección da obra, o compromiso de conservar e poñer en valor a estrutura, na medida do posible, noutros lugares onde poida atoparse. De feito na cara leste do camiño da ponte, onde aparece novamente a estrutura, comprobarase o seu estado de conservación “para tentar deixar o muro á vista integrado nas obras de remodelación da praza”.

O Goberno local amosou tamén a súa sorpresa pola petición dos populares da convocatoria da Comisión Municipal dos Fondos EDUSI cando a función de dita comisión, “como coñecen perfectamente porque se creou cando eles estaban no Goberno, era a de decidir en que obras investiríanse os fondos europeos”.

O afán do PP redondelán por buscar protagonismo, afirma o Goberno local, “lévalle incluso a facer afirmacións que chocan frontalmente coas dos técnicos de Patrimonio e da Xunta de Galicia na que goberna o seu partido”.