Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Declaración Institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI

Concello de Redondela
28-06-2019
0
Declaración Institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI

“Os dereitos das persoas LGTBI están protexidos con arranxo á lexislación internacional sobre dereitos humanos en vigor, aínda que se precisan a miúdo medidas concretas para garantir que as persoas lesbianas, gais, bisexuais, transxénero e intersexuais (LGTBI) gocen plenamente dos dereitos humanos. As persoas LGTBI teñen os mesmos dereitos que todas as demais; non se crean novos dereitos humanos para elas nin ningún de eles teñen que negárselle”.

Directrices para promover e protexer o goce de todos os dereitos humanos por

parte das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transxénero e intersexuais (LGTBI)

Consello da Unión Europea, 24 de xuño de 2013.

 

O 6 de decembro de 1978, o pobo español ratificaba en referendo a Constitución Española e marcaba o inicio dunha nova etapa da nosa historia na que os poderes públicos deben promover as condicións para que a liberdade e a igualdade individual sexa real e efectiva facilitando a participación de toda a cidadanía na vida política, económica, cultural e social sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal o social.

20 días despois, o 26 de decembro de 1978, eliminábase o delito de homosexualidade incluído na Lei 16/1970, do 4 de agosto, de Perigo e Rehabilitación Social que recoñecía como “[…] supostos do estado perigoso […] os vagos habituais, os rufiáns e proxenetas […] e os que realicen actos de homosexualidade” (art.2.3) e que establecía penas que ían dende multas ata cinco anos de internamento en cárceres ou centros psiquiátricos para a súa "rehabilitación".

Coa súa publicación no BOE do 11 de xaneiro de 1979, fai 40 anos, cesaba a ilegalidade da homosexualidade en España. Un mes despois, en febreiro de 1979, as persoas encarceradas pola súa condición sexual e de xénero saían dos cárceres e poñíase fin a décadas de desprezo, humillación, encarceramento e criminalización. A pesar diso, as persoas LGTBIQ continuaron sendo perseguidas coa figura da Lei de Escándalo Público, modificada en 1983 e derogada en 1989.

Con este recordo, a FEMP adhírese, un ano máis, á conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ renovando o compromiso das Administracións locais coa igualdade de trato e de oportunidades, recoñecendo a determinante contribución que a Constitución Española supuxo para a convivencia, a cohesión social e o avance da nosa sociedade e subliñando os progresos que se teñen alcanzado, ao longo destes últimos 40 anos, en favor da normalización social de quen ten unha orientación sexual distinta da maioritaria e/ou se identifican e expresan con outro xénero distinto ao que socialmente se lles adxudica.

Así, a lo longo dos últimos 40 anos, os concellos españois fixeron da igualdade e a non discriminación un dos seus ámbitos de actuación prioritarios realizando esforzos para desenvolver medidas que atendan ás necesidades reais de todas as persoas, promovendo accións de respecto, recoñecendo os dereitos fundamentais como tales e impulsando a protección plena fronte á discriminación.

É, no ámbito municipal, onde os gobernos locais dan a man á cidadanía e facilitan ferramentas de sensibilización e educación co fin de erradicar da nosa sociedade calquera tipo de manifestación contra as persoas LGTBIQ tanto no ámbito familiar, como no escolar, laboral, social, cultural, económico e político.

 

 

Por todo iso, os Gobernos Locais reunidos na FEMP:

 

· Invitamos a todas as Entidades Locais a adherirse a esta Declaración e  sumámonos a todas as voces que claman por un futuro en igualdade de todas as persoas á marxe da súa identidade sexual e/ou de xénero e da súa orientación sexual.

 

· Manifestamos o noso compromiso co principio da universalidade dos dereitos humanos e rexeitamos calquera apelación a valores ideolóxicos, culturais, tradicionais ou relixiosos para xustificar calquera tipo de discriminación.

 

· Condenamos enerxicamente calquera forma de violencia, incluíndo tanto a violencia física como a verbal, a humillación e o menosprezo que teña na súa orixe a orientación sexual e a identidade de xénero.

 

· Reclamamos a elaboración e aplicación dunha política europea plurianual de protección dos dereitos fundamentais das persoas LGTBIQ que preste especial atención á discriminación múltiple e á violencia cuxa orixe se atopa na orientación sexual e na identidade de xénero.

 

· Reclamamos, en liña coas diferentes Resolucións aprobadas no seno do Parlamento Europeo, a necesidade de contar con mecanismos formais de recompilación regular de datos pertinentes e comparables sobre a situación das persoas LGTBIQ e da violencia que sofren co obxectivo de realizar un diagnóstico da situación no noso país que nos permita identificar as necesidades reais cara ás que debemos orientar as nosas políticas.

 

· Recoñecemos a contribución, o traballo e o esforzo que realizaron e que continúan realizando as organizacións do terceiro sector que traballan en pro da igualdade, en defensa dos dereitos humanos e na promoción e protección dos dereitos fundamentais das persoas LGTBIQ.

 

· Ratificamos a necesidade de investir en políticas en favor da diversidade sexual e a non discriminación das persoas pola súa orientación sexual ou identidade de xénero a través do desenvolvemento de programas e proxectos de atención, información, formación, sensibilización e concienciación, que fagan das nosas cidades e pobos espazos seguros para a diversidade sexual en todas as súas manifestacións.

 

· Afirmamos que non son posibles as políticas de igualdade sen os Concellos e reivindicamos a necesidade de dotar ás Entidades Locais de financiamento suficiente para levar a cabo as competencias nesta materia que nos permitan asegurar a implementación adecuada de todas as iniciativas necesarias para garantir a igualdade efectiva das persoas en todos os municipios españois.