Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela reafirma o 8M o seu compromiso irrenunciable “coas mulleres, a defensa dos seus dereitos e as políticas de igualdade”

Concello de Redondela
09-03-2021
0
Redondela reafirma o 8M o seu compromiso irrenunciable “coas mulleres, a defensa dos seus dereitos e as políticas de igualdade”

A alcaldesa Digna Rivas presidiu o acto institucional no que o manifesto foi lido por Esmeralda Otero, da asociación de mariscadoras e Lucía Piñeiro Silva, traballadora do Servizo de Axuda ao Fogar “como representantes das mulleres que, durante a pandemia, desenvolveron servizos esenciais imprescindibles para a veciñanza”.

“Son aínda moitos os obxectivos por alcanzar, os obstáculos a superar e os desafíos que temos por diante e por iso, hoxe 8 de marzo, reivindicamos a necesidade de unir forzas e apelamos á gran alianza de todas. As mulleres progresistas e do movemento feminista deste país”, afirmou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, no acto institucional do 8M celebrado esta mañá na Praza do Concello de Redondela.

Digna Rivas, nas súas palabras, tivo unha especial lembranzas para as mulleres que “foron especialmente afectadas nesta crise sanitaria e económica provocada pola COVID”. “Son máis mulleres que homes as que perderon o seu emprego, as autónomas que miraron frustradas as súas empresas e proxectos, as que sufriron os ERTES. Son moitas –engadiu a alcaldesa de Redondela– as que fixeron malabares coas clases dos seus fillos e fillas, a atención dos seus pais, nais, avós ou avoas, o traballo profesional, as tarefas do fogar”

Esta situación lembrou Rivas na súa intervención “a sufriron moitas mulleres a conta da súa propia carreira profesional e mesmo do seu benestar e, por suposto, supuxo unha tortura engadida á todas as mulleres vítimas da violencia machista”.

A rexedora redonelá lembrou que neste 2021 conmemóranse os 90 anos da conquista do voto das mulleres neste país un feito, subliñou, “que debemos agradecer á valentía e o lanzo de Clara Campoamor. Unha efeméride asolagada no lodo dos corenta anos de ditadura franquista pero que supuxo un cambio sen volta atrás. Co voto feminino completamos a nosa democracia. Coa democracia, as mulleres foron desde o primeiro momento conscientes de que tiñan ante elas unha extraordinaria oportunidade e que era froito do que traballaran outras antes. Clara veu da man de Pardo Bazán, de Concepción Arenal, de tantas outras mulleres que a precederon e de quen recolle a súa testemuña. Delas, herdamos un feminismo que ten que ver cos dereitos humanos, coa democracia, coa cidadanía, coa racionalidade do proxecto humanista ilustrado ao que pertencemos e do que nacen todas as democracias contemporáneas”.

Tralas palabras da alcaldesa, procedeuse á lectura do manifesto institucional do Concello de Redondela que correu a cargo da presidenta da asociación de mariscadoras, Esmeralda Otero e da traballadora do SAF (Servizo de Axuda ao Fogar), Lucía Piñeiro Silva que, tal e como sinalou Digna Rivas “visibilizan a todas as mulleres que, durante a pandemia, traballaron nos servizos esenciais, poñendo en risco a súa propia saúde que nada lle faltara á veciñanza neses momentos complicadísimos”

O manifesto institucional “un compromiso irrenunciable deste Goberno con todas as medidas que permitan acadar unha igualdade real e efectiva como única forma de conseguir unha sociedade xusta”, conclúe Digna Rivas.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL 8 MARZO 2021