Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Concellería de Medio Ambiente organiza unha demostración práctica sobre o uso das biotrituradoras portátiles

Concello de Redondela
19-11-2021
0
A Concellería de Medio Ambiente organiza unha demostración práctica sobre o uso das biotrituradoras portátiles

Recentemente o Concello investiu 2.000 euros na adquisición de dúas destas máquinas para, previa solicitude, ser prestadas a veciñas e veciños. O vindeiro sábado 20 de novembro, ás 11 horas, a antiga feira de gando de Redondela, na Avenida Mendiño, acollerá unha charla e demostración práctica sobre o funcionamento das biotrituradoras portátiles para compostaxe recentemente adquiridas polo Concello, maquinaria que será prestada ás veciñas e veciños que así o soliciten.

Nesta actividade, os técnicos explicarán polo miúdo o funcionamento destes aparellos así como as medidas de seguridade que se deben adoptar durante o labor de triturado. A iniciativa, incluída no programa 'Redondela Composta', busca mellorar o sistema de compostaxe existente no municipio e incrementar a separación dos residuos sólidos urbanos na orixe.

Coas biotrituradoras as veciñas e veciños (estean ou non incluídos no programa de compostaxe doméstica) poderán triturar aqueles restos vexetais para despois ser utilizado como estruturante nos composteiros, un material que neste momentos é deficitario no municipio redondelán.