Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Denuncian vertido na fábrica de AUCOSA

Concellería de Medio ambiente. Concello de Redondela
25-11-2020
0
Denuncian vertido na fábrica de AUCOSA

De acordo coa colaboración do Concello de Redondela no control do cumprimento das medidas provisionais adoptadas en relación co expediente sancionador SC-IPPC-2020-005 para a empresa AUCOSA detéctase, en data 24 de novembro de 2020, un vertido desta planta á ría de Vigo, sendo alertados pola veciñanza cunha chamada á Policía Local.


O policía local de medio ambiente constatou a existencia dun verquido procedente da planta de AUCOSA que ten a súa orixe nas malas condicións nas que se atopa unha fosa séptica debido, aparentemente, á falta de mantemento e non pola avaría das bombas ubicadas na arqueta tal e como se reflicte no informe emitido polo axente actuante.


A concellaría de Medio Ambiente do Concello de Redondela, comprobado que as instalacións da empresa non se atopan en condicións óptimas para o desenvolvemento da súa actividade sen provocar danos ao medio ambiente, insta á Dirección Xeral e a Augas de Galicia a adoptar unhas novas medidas provisionais contra a Auxiliar Conservera S.A. (AUCOSA) nas que se prohiba temporalmente a entrada nas súas instalacións de materia prima, en concreto, a suspensión temporal de admisión dos subprodutos animais e produtos derivados, materias primas que inclúe: recorte de cocido de peixe, cabeza fresca, peixe fresco, peixe conxelado e vísceras, de acordo coa primeira medida provisional adoptada pola Dirección Xeral comunicada a este Concello en data 13 de novembro de 2020.


Dende o Concello de Redondela se pensa que a veciñanza de Chapela, Trasmañó, Cedeira, en definitiva de toda Redondela, non pode sufrir nin un segundo máis esta situación. Levan moitísimos anos sufrindo malos cheiros, sendo moi prexudicados na súa calidade de vida, anos esixindo unha solución a este grave problema. E agradece a colaboración da veciñanza comunicando estes lamentables sucesos.