Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Continúan a bo ritmo os traballos de roza nas diferentes parroquias do municipio

Concello de Redondela
04-08-2021
0
Continúan a bo ritmo os traballos de roza nas diferentes parroquias do municipio

Por primeira vez os traballos son desenvolvidos por persoas en desemprego contratadas través do Plan Concellos. Os traballos de roza que o Goberno local de Redondela desenvolve nas parroquias do municipio dende o día 1 de xuño, continúan a bo ritmo centrándose, nestes días nas parroquias de Cedeira e Reboreda (esta última xa ao 50 %) para, unha vez rematados, iniciar as labores en Chapela, Transmañó e Quintela, as tres últimas parroquias que quedarían por rozar.

Cómpre salientar que, por primeira vez, os traballos de limpeza e rozado non os realiza unha empresa externa, senón que o Goberno local optou pola contratación de veciñas e veciños en situación de desemprego a través do Plan Concellos e por medio da Oficina de Emprego. Este sistema permitiu, por unha banda, unha axilización no proceso de contratación e, por outra, dar unha saída a desempregadas e desempregados do municipio.

A alcaldesa Digna Rivas fixo un chamamento á comprensión da veciñanza porque, lembrou, “son 13 parroquias e, como ben se pode comprender, non se poden facer todas ao tempo”. Ao mesmo tempo, Rivas lembrou que “desta vez comezamos polas que o ano pasado, foron as últimas”.

Asemade, a rexedora local redondelá fixo fincapé no feito de que “nunca antes se comezaran os traballos de roza con tanta antelación xa que o día 1 de xuño poñíanse en marcha cando, os anteriores gobernos, non comezaban ata o mes de xullo”.

Os as labores son desenvolvidas por tres brigadas compostas, cada unha delas, por dúas persoas con maquina rozadora a pe e dous operarios/as de limpeza de cunetas e recollida de maleza. “A veciñanza –explica Digna Rivas– transmitiunos a súa satisfacción polo traballo que se está a realizar non só no referente á roza en si, senón tamén á recollida posterior dos restos”.

Amais das tres brigadas que actualmente traballan nas labores de roza, unha cuarta –desta vez contratada a través dunha empresa– encargarase do traballo de mantemento co fin de manter limpos as estradas e camiños durante moito máis tempo. Esta brigada de reforzo ou mantemento, foi posta en marcha o pasado ano “cun resultado máis que satisfactorio”, sinalou a alcaldesa Digna Rivas.