Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Chapela celebra o VII Día do Remo con regatas, actividades culturais e a mellor gastronomía

Concello de Redondela
21-09-2023
0
Chapela celebra o VII Día do Remo con regatas, actividades culturais e a mellor gastronomía

O Concello de Redondela, a través das concellerías de Deporte e Cultura, organiza a VII edición do Día do Remo xunto coa Asociación Día do Remo e o Club de Remo Chapela. Será o sábado día 23 coa tradicional travesía multidisciplinar no estreito de Rande, unha recreación da batalla naval e regatas de traiñeiras. A xornada complétase cunha atractiva oferta gastronómica: o xantar a base de arroz de marisco para 700 comensais e a cea con tenreira ao espeto. A música correrá a cargo do grupo Gin Toni's e o DJ Rodri Vegas. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salienta que este Día do Remo de Chapela "consolídase como unha gran cita para despedir a temporada do remo en Galicia nunha xornada festiva e de convivencia entre deportistas, veciños e amigos".

Chapela acollerá este sábado, día 23 de setembro, a VII edición do Día do Remo. "Unha xornada de deporte, cultura e gastronomía en torno a este deporte con tanto arraigo no municipio de Redondela", sinala a alcaldesa Digna Rivas. A cita, organizada polo Concello de Redondela a través das concellerías de Deporte e Cultura, a Asociación Día do Remo e o Club de Remo Chapela, comezará ás 11.00 horas cunha travesía popular a remo. Trátase dunha travesía multidisciplinar na que poden participar embarcacións de todo tipo co único requisito de que estean propulsadas a remo. Aos bateis, traiñeiras ou piraguas sumaranse outras embarcacións tradicionais como dornas ou gamelas. Os participantes percorrerán unha distancia de 4 millas náuticas con saída desde Arealonga, pasarán por baixo da ponte de Rande até chegar ao museo de Meirande e logo regresarán a Chapela. Desde a organización explican que este percorrido "quere servir de homenaxe aos caídos na Batalla de Rande que tivo lugar nestas augas en 1702". A Agrupación A.D.C Rande será a encargada de poñer en escena unha recreación da batalla naval entre a armada da coalición hispanofrancesa e as tropas corsarias angloneerlandesas.

Rematada a homenaxe, ás 12.00 horas, celebrarase unha regata de traiñeiras na categoría de veteranos coa modalidade de contrarreloxo cunha distancia de 2.500 metros.

A partir das 13.30 horas terá lugar o xantar baixo unha carpa instalada no paseo marítimo de Chapela. O prato estrela será un arroz de marisco xigante con máis de 700 racións.

As actividades continuarán ás 17.00 horas coa regata Día do Remo na que participarán remeiros e remeiras de Chapela e doutros clubs galegos. O concelleiro de Deporte, Iván Valles, salienta que este Día do Remo celébrase unha vez rematadas todas as competicións das diferentes ligas, "polo que é o momento idóneo para que todos poidan gozar dun ambiente festivo, unha xornada de convivencia entre deportistas, amigos e veciños". As tripulacións das traiñeiras montaranse de xeito aleatorio con todos os deportistas que desexen participar, polo que compartirán bancada homes e mulleres de diferentes idades e de distintos clubs. "Nun mesmo barco terán cabida remeiros en activo nas ligas galegas ou ACT, veteranos retirados hai anos ou deportistas doutras ligas veciñas", explican desde a asociación. Serán regatas en diferentes tandas a catro longos fronte á praia de Arealonga "onde o máis irrelevante é o resultado final".

O gran remate da festa será a cea, aberta a todo o público, onde se degustarán dúas tenreiras ao espeto preparadas polo asador cántabro Ángel Azcano e mexillóns ofrecidos polos bateeiros locais.

A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, adiantou que a música será tamén protagonista desta xornada festiva coa actuación de Gin Toni's, "unha banda divertida cun gran directo que nos fará viaxar polas versións dos mellores temas do pop rock español, desde os 80 até a actualidade, e o Dj redondelán Rodri Vegas será o encargado de animar a festa ata a madrugada". Pérez destaca "o compromiso do Concello de Redondela cos artistas galegos, xa que temos grandes grupos e bandas de todos os estilos".

A esta cita do remo non faltará o símbolo chapeleiro, dando vida en forma de mascota ao berete que este ano navegou na proa das embarcacións do CR Chapela.