Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Os concertos de Susana Seivane e Xisco Feijóo e un acto institucional reafirman o compromiso de Redondela co Día de Galicia

Concello de Redondela
22-07-2022
0
 Os concertos de Susana Seivane e Xisco Feijóo e un acto institucional reafirman o compromiso de Redondela co Día de Galicia

As nenas e nenos do Campamento de Concilación presentarán un traballo elaborado por eles que ten a figura de Rosalía de Castro como protagonista

O Concello de Redondela presentou hoxe os actos que se desenvolverán con motivo do Día de Galicia “un programa que busca reafirmar o compromiso que este Goberno local coa nosa cultura e a nosa lingua, elementos básicos que marcan a nosa identidade”, afirma a alcaldesa Digna Rivas.

Rivas lembra que dende a chegada do Goberno socialista ao Concello redondelán, “apostamos por potenciar o Día de Galicia optando por unha programación de dous días para que, esta data sinalada, non quedara cinguida a un acto institucional o día 25, senón que fora, realmente, unha festa de todos os galegos e galegas”.

Así, o día 24 de xullo, o Paseo Marítimo de Chapela, escenario natural como poucos, acollerá a partir das 22 horas o concerto que protagonizará Susana Seivane. A entrada será totalmente de balde e permitirá gozar da actuación dunha das gaiteiras máis carismáticas do panorama musical.

O día 25 de xullo, Día de Galicia, a Alameda Castelao acollerá, a partir das 12 horas o Acto Institucional no que, tras as palabras que pronunciará a alcaldesa Digna Rivas, as as nenas e nenos que participan nos Campamentos de Conciliación do Concello presentarán un traballo realizado por eles mesmos que ten a figura de Rosalía de Castro como eixo central.

Digna Rivas salientou a importancia do traballo realizado polos rapaces e rapazas “que lles fai ser conscientes da nosa identidade como pobo” e destacou o “entusiasmo con que as nenas e nenos acolleron a idea de participar activamente neste acto”.

Xa pola noite, a partir das 22 horas, Xisco Feijóo ofrecerá un concerto, de balde, no Campo de Feira de Redondela.