Redondela conmemora o Día Internacional da Memoria Trans coa obra “En pé de Igualdade”
O Concello de Redondela reafirma o seu compromiso coa diversidade coa conmemoración do Día Internacional da Memoria Trans que se celebra o 20 de novembro. Digna Rivas, a alcaldesa de Redondela, sinala que Redondela “sempre apostou e apostará pola diversidade e a integración como medios para acadar unha sociedade máis xusta e máis solidaria”. A concellería de Igualdade, que dirixe Iria Vilaboa, celebra esta tarde unha obra de teatro dirixido a público adolescente e adulto. Trátase da obra “En pé de Igualdade”, con Marta Doviro e Arantxa Treus con temática de diversidade sexual. As actrices e humoristas ofrecen un espectáculo de humor para público xuvenil e adulto no que parodian os roles de xénero instaurados na nosa sociedade. Vilaboa explica que o obxectivo é f”acer que o público sexa consciente e reflexione, en clave de comedia, sobre situacións cotiás como a educación, o acoso nas rúas, o emprego da linguaxe sexista, prexuízos, estereotipos, etc.” A cita é esta tarde ás 16.30 horas no auditorio da Xunqueira con entrada de balde.
O día internacional da Memoria Trans celébrase o 20 de novembro para lembrar ás persoas transexuais que foron asasinadas ou que son vítimas da transfobia. Esta xornada foi creada en 1998 en memoria do asasinato de Rita Hester en Allston, Massachusetts.