Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela presenta o programa para conmemorar o Día LGTBIQ+ reafirmando a súa aposta pola diversidade e a igualdade

Concello de Redondela
21-06-2022
0
Redondela presenta o programa para conmemorar o Día LGTBIQ+ reafirmando a súa aposta pola diversidade e a igualdade

O luns, véspera do Día LGTBIQ+ a Casa do Concello e a ponte de madeira da Alameda Castelao iluminaranse coas cores do arco da vella

O Concello de Redondela vén de presentar o programa de actos que, con motivo da conmemoración do Día LGTBIQ+, se desenvolverán entre o luns 27 de xuño e o xoves 30 de xuño. Un programa elaborado pola concellería de Igualdade que xestiona Iria Vilaboa en colaboración coas asociacións Pvlse de Vigo e Irisar de Redondela.

O lugar elixido para a presentación do cartel foi o Banco da Diversidade do CEIP Porto Cabeiro, e a alcaldesa, Digna Rivas, estivo acompañada pola concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, e Susana Crespo, titora de Educación Infantil; Cecilia Rodríguez, directora e especialista en Audición e Linguaxe e Celia Ledo, secretaria e orientadora do Centro.

O Banco da Diversidade do Porto Cabeiro foi instalado o pasado ano ano polo Concello dende o convencemento que “a aprendizaxe de valores como a diversidade, a tolerancia e a igualdade, –piares sobre os que se ten que sustentar unha sociedade xusta– teñen que comezar polos máis pequenos e pequenas”, asegura a alcaldesa Digna Rivas.

O programa presentado hoxe arrincará xa o luns 27 de xuño, véspera do Día LGTBIQ+, ás 12 horas terá lugar no multiúsos da Xunqueira a inauguración da exposición “Coñece LGTBIQ+” e, xa polo serán a Casa do Concello e a ponte de madeira da Alameda Castelao –que o fixo o pasado ano por primeira vez– tinguiranse coas cores do arco da vella nun acto simbólico que expresa o compromiso de Redondela coa diversidade.

O martes 28, Día do Orgullo LGTBIQ+, ás 19 horas terá lugar a lectura do manifesto para, deseguido, proceder a inauguración do Mural da Diversidade na traseira do Multiúsos da Xunqueira.

A xornada rematará co concerto do grupo Girl's Gang na pista da Xunqueira ás 20 horas que contará coa colaboración de Carolina Smith.

O día 30 de xuño ás 18 horas, e dirixido aos e ás máis pequenas, a Biblioteca Xela Arias de Chapela terá unha actividade de contacontos que se desenvolverá baixo o título Voando libres.

O programa presentado responde, en palabras da alcaldesa Digna Rivas, “a inequívoca intención do Goberno socialista redondelán de seguir apostando por iniciativas que dean visibilidade a diversidade dentro da normalidade social”.