Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela súmase ao Día Mundial da Auga repartindo funís para contribuír á reciclaxe do aceite doméstico

Concello de Redondela
16-03-2022
0
Redondela súmase ao Día Mundial da Auga repartindo funís para contribuír á reciclaxe do aceite doméstico

A alcaldesa Digna Rivas lembra que na loita polo preservación do medio ambiente e contra a contaminación “os pequenos xestos que poidamos realizar nos nosos fogares en accións cotiás, son fundamentais”

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Medio Ambiente que xestiona Alberto Álvarez, vén de sumarse á celebración do Día Mundial da Auga que se conmemora o vindeiro 22 de marzo como recordatorio da importancia que ten e auga no ciclo da vida e, por ese motivo, contribuír a mantela fora de calquera fonte de contaminación.

Con ese obxectivo, dende o vindeiro día 21 de marzo, o Concello de Redondela distribuirá gratuitamente funís ou embudes que faciliten o enchido de botellas con aceite doméstico usado para, posteriormente, depositalas nos contedores de reciclaxe de aceite existentes no municipio.

Os funís poderán ser recollidos, ata final de existencias e totalmente de balde, na Casa do Concello, no Multiúsos da Xunqueira de Redondela e no Multiúsos Piñeiral do Crego de Chapela.

A alcaldesa Digna Rivas lembrou a importancia da reciclaxe de aceite doméstico dado que, tal e como demostran os diferentes estudos científicos, “tan só 1 litro de aceite contamina 40 000 litros de auga, que é o equivalente ao consumo dunha persoa no seu domicilio durante todo un ano”.

Rivas amosou o seu convencemento que “os pequenos xestos que cada un de nos poidamos realizar nos nosos fogares e en actividades cotiás, como a reciclaxe de aceite de cociña, son fundamentais á hora de conservar o noso medio ambiente”.

“O Concello de Redondela –asegura a alcaldesa– priorizou sempre a defensa do medio ambiente nas súas actuacións como o demostran iniciativas desenvolvidas dende o Goberno local tendentes a fomentar a compostaxe ou a diminuír a utilización de plásticos”