Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela celebra o Día Nacional das Linguas de Signos cun obradoiro aberto á cidadanía

Concello de Redondela
10-06-2022
0
 O Concello de Redondela celebra o Día Nacional das Linguas de Signos cun obradoiro aberto á cidadanía

A actividade, totalmente de balde, terá lugar o martes 14 de xuño ás 17 horas no Multiúsos da Xunqueira.

O Concello de Redondela conmemorará o Día Nacional das Linguas de Signos que se celebra o 14 de xuño, cun obradoiro de achegamento á Lingua de Signos, actividade totalmente de balde e aberta a toda a cidadanía, que se celebrará o próximo martes 14 de xuño ás 17:00 horas no Multiusos da Xunqueira.

A iniciativa ten como obxectivo sensibilizar sobre a realidade do colectivo de persoas xordas ás veciñas e veciños que queiran participar, onde tamén aprenderán nocións para unha comunicación básica en Lingua de Signos.

A alcaldesa de Redondela Digna Rivas, lembrou “o firme compromiso do Goberno local” de mellorar a inclusión social das persoas xordas e de promover o uso e coñecemento da súa lingua. Este compromiso ao que fai referencia a rexedora local, queda reflectido en diferentes accións como a posta en marcha –o pasado ano– do Servizo Municipal de Interpretación de Lingua de Signos para as persoas xordas de Redondela, cursos de Lingua de Signos dirixidos á cidadanía, ou a interpretación de actos institucionais e diferentes actividades culturais.

Nas próximas semanas iniciaranse os traballos de adaptación á Lingua de Signos dos contidos do Museo de Meirande, que posibilitará que calquera persoa xorda que se achegue a este espazo poida acceder a toda a información dos paneis do museo, con vídeos adaptados á súa propia lingua. Ademais, a Casa Consistorial iluminarase de turquesa, a cor representativa da comunidade xorda.