Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela celebrará o Día de Rosalía cun acto institucional o día 23 de febreiro na Alameda que leva o nome da ilustre escritora en Chapela

Concello de Redondela
21-02-2022
0
Redondela celebrará o Día de Rosalía cun acto institucional o día 23 de febreiro na Alameda que leva o nome da ilustre escritora en Chapela

O Concello, a través do Servizo de Normalización Lingüística, involucra nesta celebración ao alumnado dos centros escolares que realizarán murais alegóricos nos que dar renda solta á súa creatividade

Redondela desenvolve, durante esta semana, diversas actividades encamiñadas a celebrar a data de nacemento de Rosalía de Castro, figura clave das letras galegas, e que terán o seu cumio no acto institucional a celebrar o día 23 de febreiro, mércores, na Alameda Rosalía de Castro de Chapela, onde terá lugar unha ofrenda floral no monumento que lembra a ilustre poetisa e novelista que, xunto a Eduardo Pondal e Curros Enríquez, é unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento Galego.

O Concello de Redondela, de cara a darlle un maior pulo a esta celebración, puxo en marcha entre os centros escolares unha iniciativa na que cada un deles debuxará unha grande camelia e, no seu interior e dando renda solta á súa creatividade, o alumnado irá enchendo os pétalos con poemas, frases ou mesmo debuxos alegóricos a Rosalía. Eses colaxes serán expostos en cada colexio o día 23 de febreiro.

A maiores, os centros escolares repartirán, para o seu uso nos comedores, manteis conmemorativos doados pola Deputación de Pontevedra nos que, baixo o título Caldo de Gloria, lembran o poema 'Miña casiña, meu lar' de Follas novas e que, amais do propio poema, ten unha lenda explicativa sobre o mesmo e que da sentido a unha das súas partes: Fixen un caldo de gloria / que me soupo que la mar, fixen un bolo de pote / que era cousa de envidiar.

Así mesmo e por segundo ano, o Concello manterá a iniciativa Agasalla un libro e unha flor posta en marcha o pasado ano polo Servizo de Normalización Lingüística, dependente da Concellería que dirixe a alcaldesa Digna Rivas, facéndose eco dunha proposta da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).

A alcaldesa, Digna Rivas, lembraba que esta proposta “que tivo o pasado ano un notable éxito de participación da veciñanza”, contribúe non só a dinamizar a dous sectores comerciais de Redondela como as florerías e as librerías senón tamén para lembrar unha data significativa “non só para as letras galegas, senón para a propia Galicia xa que a figura de Rosalía va máis aló do plano puramente cultural, para converterse nun símbolo da propia identidade de Galicia como pobo”.

“As veces podemos perder de vista a importancia de Rosalía no contexto da literatura a nivel nacional –engade Rivas– e esquecémonos que, nese contexto e xunto con Gustavo Adolfo Bécquer, Rosalía é considerada como a precursora da poesía moderna española” se a iso engadimos “que foi exemplo na defensa de Galicia, da nosa lingua e da loita pola igualdade de xénero e a xustiza social, podemos facernos a idea da verdadeira dimensión da figura de Rosalía de Castro”.