Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela celebra o Día Rosalía de Castro o 6 de marzo

Concello de Redondela
28-02-2020
0
Redondela celebra o Día Rosalía de Castro o 6 de marzo

A vindeira fin de semana o Concello de Redondela, por medio do seu Servizo de Normalización, celebra o Día de Rosalía de Castro. Será na alameda de Chapela que leva o seu nome. Desta maneira, o concello únese a outros municipios de Galicia que celebran nestas datas a efeméride do nacemento da poeta galega.

O acto será o venres 6 de marzo na Alameda Rosalía (Chapela), haberá un obradoiro aberto sobre Rosalía e as mulleres. Unha actividade que nos permitirá coñecer a protagonista a partir de obxectos. Despois serán as propias crianzas quen traballarán, de maneira creativa, cos obxectos.

Tamén a homenaxe oficial. Ás 18h, diante da estatua a Rosalía, actuará o grupo folclórico Anaquiños e o grupo de música Xardín Desordenado, que interpretará varios dos poemas. Haberá un recital poético e reparto de libros gratuítos, acompañados dunha camelia. Tomarán a palabra o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, e pechará o acto a Alcaldesa, Digna Rivas. Finalmente, farase unha ofrenda floral e cantarase o himno de Galicia.

“Con esta actividade honramos unha das mulleres máis importantes da historia. Rosalía deixounos ás mulleres leccións de feminismo que seguen moi presentes. E deixounos un exemplo de respecto e dignidade para o pobo galego, a súa cultura e lingua”, comentou a Alcaldesa Digna Rivas. “Animamos a todas as persoas de Redondela e, en especial, de Chapela para que participen nestas actividades”.

En caso de que o tempo non acompañe, avisarase dende as redes sociais.