Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Digna Rivas recibe na Casa do Concello á médica, profesora e investigadora granadina Enriqueta Barranco

Concello de Redondela
08-04-2022
0
Digna Rivas recibe na Casa do Concello á médica, profesora e investigadora granadina Enriqueta Barranco

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, recibiu na mañá de hoxe na Casa do Concello a Enriqueta Barranco, médica, profesora, investigadora e loitadora polos dereitos da muller, que nestes días participará na xornada de memoria histórica Individuas de Dudosa Moral, organizada pola deputación de Pontevedra.

Digna Rivas quixo aproveitar a presenza de Barranco en Pontevedra para invitala a visitar á vila natal de Alejandro Otero, –médico, deputado, catedrático e reitor da Universidade de Granada, represaliado polo réxime franquista e morto no exilio en México– sobre quen Enriqueta Barranco fixo a súa tese doutoral.

A alcaldesa de Redondela subliñou a importancia da figura da xinexóloga e investigadora granadina “pola súa constante e incansable loita polos dereitos da muller e por non deixar caer no esquecemento a homes e mulleres relacionados co mundo da investigación e da docencia que, como Alejandro Otero, foron represaliados polo réxime franquista”.

Digna Rivas expresoulle a Enriqueta Barranco o seu interese pola realización en Redondela de distintas actividades sobre temas como a memoria histórica, a igualdade ou a figura de Alejandro Otero, iniciativa moi ben acollida por Enriqueta Barranco e emprazándose a estudar o calendario e o programa das iniciativas conxuntas que se poidan desenvolver.

Enriqueta Barranco participou hoxe na mesa redonda O Padroado de Protección á muller: unha cárcere para as descarriadas, xunto á xornalista Llum Quiñonero, presidenta de Acción Cidadá contra a impunidade do franquismo.

Máis sobre Enriqueta Barranco

Nada en Granada, Enriqueta Barranco é médica especialista en obstetricia e xinecoloxía, así como profesora e investigadora do Instituto Universitario de Investigación de Estudos das Mulleres e de Xénero da Univerdiade de Granada.

Feminista recoñecida sempre tratou de defender o interese das mulleres nun tema tan sensible como a Saúde Sexual e Reprodutiva e a iso dedicou gran parte da súa vida laboral, académica e como publicista. A súa afección pola historia tamén lle levou a realizar tarefas de investigación sobre personaxes que foron relevantes no ámbito da xinecoloxía, publicando dúas biografías do que fose catedrático na universidade de Granada, Alejandro Otero, e do investigador do laboratorio Pasteur (París), Antonio Chamorro.

Profesora Asociada da Universidade de Granada e Directora da Cátedra de Investigación Antonio Chamorro-Alejandro Otero, o selecto Foro Europa 2001 outorgouna, igualmente, a Medalla de Ouro ao prestixio profesional.