Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Concellería de Ensino mellora as instalacións do EEI San Pedro de Cesantes

Concello de Redondela
06-02-2021
0
 A Concellería de Ensino mellora as instalacións do EEI San Pedro de Cesantes

A concellería de Ensino do Concello de Redondela que xestiona Olga García Ballesteros, desenvolve nestas datas diferentes traballos de mellora no EEI Cesantes, obras longamente demandadas pola comunidade escolar e que abranguen tanto a aspectos estruturais do edificio como a dotacións para uso dos nenos e nenas.

No que ao edificio atinxe, procedeuse ao pintado de muros exteriores e fachada, así como a reparación do tellado para evitar filtracións de auga e humidades interiores. Asi mesmo procedeuse ao arranxo da tarima dunha das aulas ao adaptouse o baño adecuándoo á altura dos nenos e nenas.

En cando a dotacións para as cativas e cativos, a Concellería instalou un areneiro para xogos amais de terra para facer un montículo, elemento cada día máis utilizado nos centros escolares seguindo a idea da pedagoga italiana María Montessori que deseñou o que sería o 'patio de xogos ideal'. Nel inclúense estes montículos para que “os nenos e nenas poidan gozar do descubrimento de zonas máis elevadas, poñerse a proba e mellorar as súas habilidades motrices”.

A alcaldesa de Redondela subliñou a importancia duns traballos “que eran unha reivindicación de hai anos por parte da comunidade escolar”. Ao igual que se fai no EEI Cesantes, asegurou Digna Rivas “irase facendo nas demais escolas unitarias para que os nosos nenos e nenas conten con instalacións cómodas e seguras”.