Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela celebra un gran Entroido do 10 ao 17 de febreiro con catro días de festa

Concello de Redondela
29-01-2024
0
Redondela celebra un gran Entroido do 10 ao 17 de febreiro con catro días de festa

A celebración do Entroido comezará o sábado 10 con obradoiros infantís na Alameda Castelao e unha festa nocturna no campo da Feira “nunha xornada chea de diversión, música tributo a Estopa e moitas máis sorpresas”, anuncia a responsable Rita Pérez. O Martes de Entroido a programación inclúe o concurso de disfraces, actuacións musicais e a queima do Meco. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala a importancia desta xornada tan tradicional en Redondela “que reúne a grupos de amigos e familias completas con nenos e adultos que viven o Entroido na rúa, por iso desde o Concello poñemos todo da nosa parte para que sexa un día moi especial cheo de actividades”. O sábado 10 de febreiro comezan as celebracións do Entroido en Redondela. Os nenos e nenas serán os primeiros en poder gozar desta festa, xa que pola tarde haberá obradoiros para eles na Alameda de Castelao entre as 17.00 e as 19.30 horas. As rúas da vila encheranse de música e cor co espectáculo Psychodelia, de Troula animación, con marionetas e unha bicicleta xigantes, moita animación e a participación do púbico polas rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín

Pola noite, logo do éxito do ano pasado, o Entroido deste 2024 repetirá a festa do sábado noite no campo da feira. A concellería de Cultura ten preparada “unha xornada festiva chea de diversión, música tributo a Estopa e moitas máis sorpresas”, anuncia a responsable Rita Pérez. A festa comezará a partires das 21.00 horas e contará cos actuacións dos grupos La Patrulla, con versións de pop rock español, ás 23.15 Estopaos e o seu tributo a Estopa e ás 00.30 sesión DJ co redondelán Rodri Vegas. “Será un gran comezo do Entroido para animar á veciñanza nunhas festas que son unha tradición en Redondela, onde se vive esta celebración dun xeito moi especial”, sinala a concelleira de Cultura Rita Pérez.

O día 11, domingo de Entroido, ás 17.00 horas terá lugar a concentración das comparsas no Campo da Feira. A animación musical comezará ás 17.30 da man de Latexo Percusión e ás 18.00 fará o seu pasarrúas Tío Emilio, a comparsa representativa do Entroido redondelán. A continuación será o desfile de comparsas que percorrerá as principais rúas da vila. Ás 20.30 horas será a entrega de premios.

O 13, Martes de Entroido, é un día grande en Redondela, coa participación de veciños e veciñas de todas as idades. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala a importancia desta xornada tan tradicional nas festividades de Redondela “que reúne a peñas de amigos e familias completas con nenos e adultos que viven o Entroido na rúa, por iso desde o Concello poñemos todo da nosa parte para que sexa un día moi especial cheo de actividades”

Ás 17.00 horas comezará o Desfile-Concurso de Disfraces individual e colectivo. As inscricións para participar poderán facerse nos soportais do Concello desde as 16.00 e a entrega de premios será ás 18.45 horas.

Os máis pequenos terán o seu espazo na Alameda Castelao con diferentes obradoiros desde as 17.00 e ata as 19.30 horas e as rúas contarán con moita animación da man da Batucada Brassica Rapa, unha brass bands feminina cun espectáculo moi variado con grandes éxitos do pop, a música tradicional galega, o jazz ou bandas sonoras de películas.
Ás 19.00 horas, fiel á súa cita, celebrarase a queima do Meco co espectáculo “Lume” de Troula Animación e festa continuará pola noite desde as 20.30 horas coa música da discoteca móbil da Duendeneta na rúa Alfonso XII.

O sábado día 17 nesta xornada celebrarase o Entroido en Chapela. As comparsas sairán ñas 17.00 do alto da Encara ás 17.00 do Alto da Encarnación cos percusionistas de Aperta. A comitiva do Enterro do Berete sairá ás 18.00 ata a praia de Arealoga, onde se fará a queima. Ás 20.45 comezará a música coa discoteca móbil no paseo de Cardona.