Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela traballará para conseguer espazos naturais libres de papeleiras

Concellaría de Medio Ambiente. Concello de Redondela
17-07-2020
0
Redondela traballará para conseguer espazos naturais libres de papeleiras

A Concellería de Medio Ambiente comeza unha campaña para declarar e converter os espazos naturais en espazos co menor número de puntos de acumulación de lixo posible, "Espazos Naturais libres de papeleiras".

Para iso deixaranse de colocar os reforzos de papeleiras que noutros anos se poñían, xa que converten as zonas de esparexemento natural nun lugar salpicado por lixo contido, pero lixo ao fin e ao cabo.

Para isto faise necesario obrigar ás persoas a levar o lixo que xeren, namentres visitan ese espazo natural, a outras papeleiras ou a contedores comúns.

Ó longo da semana próxima, dende o luns 20 ata o venres 24, empezarán a colocarse carteis explicativos desta campaña, temporalmente, en lugares visibles dos espazos naturais afectados. Estes carteis explicarán a campaña ás persoas que queiran desfrutar da natureza.

A praia de Cesantes será un destes espazos afectados. Unha das razóns que leva a comezar esta campaña pola praia da Punta é a súa localización dentro da Rede Natura 2000, que obriga dende Europa a conservar o medio natural das zonas incluídas. Por esta razón, este ano 2020 non se colocarán os reforzos de papeleiras pola praia que se viñan colocando outros anos, pero si se reforzará, neste mesmo sitio, a presenza de contedores agrupados.

"Trátase dunha campaña educativa que sabemos que vai ter algunhas opinións en contra, porque se pretenden cambiar hábitos aprendidos, e comodidades adquiridas. Pero dende o grupo de traballo de Medio Ambiente expoñemos a seguinte reflexión: Somos capaces de percorrer co coche varios quilómetros para ir ó supermercado; unha vez alí camiñamos por entre os andeis en busca da comida e bebida que levaremos á praia. Percorremos despois en diferentes medios de transporte máis quilómetros ata chegar á praia. Por iso pensamos que, unha vez alí, andar unha pequena distancia para botar o lixo que nós levamos a outra papeleira ou contedor único, non nos pode resultar difícil", declara o Concelleiro de Medio Ambiente, D. Roberto Villar Rodríguez.

Dende o Concello de Redondela queren mudar o concepto erróneo de que as zonas naturais son zonas dos seres humanos, que nos pertencen, e que podemos mudar, adaptar, sempre para a nosa comodidade. Aínda que sexa prexudicando á propia natureza. O único lixo que existe na natureza é o lixo depositado polos seres humanos, e mediante esta campaña "Declaración de Espazos Naturais libres de papeleiras" tenderase a acumular ese lixo nos menores puntos posibles.