Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Multiúsos da Xunqueira acolle a exposición temporal do ídolo menhir atopado no castro de Negros

Concello de Redondela
27-05-2021
0
O Multiúsos da Xunqueira acolle a exposición temporal do ídolo menhir atopado no castro de Negros

O Multíusos da Xunqueira acollerá dende o venres 28 de maio, e durante os meses de xuño e xullo, a exposición temporal dun ídolo menhir atopado no castro de Negros, no que supón, segundo os expertos, “un achado único e escaso” que se remonta, posiblemente, aos séculos V ou IV a.C. Da importancia deste descubrimento fala o feito de que será a primeira peza deste tipo coa que conte o Museo de Pontevedra. A peza quedará exposta durante os meses de xuño e xullo para logo quedar depositada, de xeito definitivo, no Museo de Pontevedra

O menhir/betilo exposto foi descuberto polo arqueólogo Eduardo Velázquez Turnes no 2020, durante as tarefas de control arqueolóxico realizadas para supervisar os traballos de corta e retirada de madeira que realizaba a Comunidade de Montes de Man Común de San Estevo de Negros.

O achado desta peza conecta, directamente, aos antigos habitantes do castro de Negros coa cultura púnica, dominante no mundo mediterráneo e que tivo presenza no litoral galego, tal e como o demostran os descubrimentos, cada vez máis abundantes, de obxectos procedentes desta cultura.

A exposición, coordinada polo arqueólogo Xurxo Constenla Doce, busca que a veciñanza poida coñecer esta peza –que introduce a Redondela na historia de Europa– a e, ao mesmo tempo, poñer en valor o enorme interese arqueolóxico que ten esta área do litoral sur da ría de Vigo.

O feito de atopar este menhir/betilo no castro de Negros demostra, segundo os expertos, a existencia de “firmes relacións comerciais do mundo púnico con Galicia e non meros contactos illados para intercambio”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou o traballo realizado por Eduardo Velázquez Turnes e Xurxo Constela Doce, de Citania, Xestión do Patrimonio Cultural “que permite poñer en valor non só este achado, senón tamén a importancia do municipio no contexto histórico e patrimonial”.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa quixo agradecer ao Museo de Pontevedra, onde está depositada a peza, “as facilidades ofrecidas e a sensibilidade amosada á hora de permitir que este achado puidera ser exposto en Redondela, municipio no que foi atopada, antes do seu traslado definitivo á institución museística provincial ”.

Os betilos
Son obxectos asociados a contextos culturais e relixiosos. Cabe supoñer que os navegantes púnicos, que chegaban a estas costas en busca de metais para fundición (especialmente estaño), erixirían estes menhires como ofrendas aos deuses na procura de seguridade e protección nun lugar afastado e descoñecido.