Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Exposición "Fillos do Océano" de Javier Teniente

Concellaría de Cultura. Concello de Redondela
25-03-2021
0
Exposición "Fillos do Océano" de Javier Teniente

A Concellaría de Cultura de Redondela convida á veciñanza a visitar a exposición fotográfica "Fillos do Océano" de Javier Teniente no Museo Meirande.

Grazas á colaboración entre a Concellaría de Cultura e A Fundación (Obra Social Abanca) este Venres 26 de marzo chega a Redondela unha exposición dos traballos fotográficos de Javier Teniente en relación ó mundo do mar: os homes, as mulleres que viven do mundo mariño, os ecosistemas e a vida nos océanos.

"Fillos do Océano" é un proxecto que documenta, en diferentes lugares do mundo, a forma de vida dos pescadores artesanais. É tamén unha homenaxe a todos eses homes e mulleres que viven do mar e para o mar, e obteñen del todo o necesario para a súa supervivencia dunha forma sostible. Son eles e elas quen mellor coñecen como se desenvolve a vida nos océanos e os límites ecolóxicos do uso dos seus recursos, grazas a unha sabedoría ancestral que se vai transmitindo de pais a fillos e que continúan practicando. Ámano, veneran e saben que a súa supervivencia está intimamente ligada á conservación do medio natural que os rodea.

A exposición pretende tamén ser unha chamada de atención sobre a vulnerabilidade dos ecosistemas mariños fronte á destrución que hoxe os ameaza coa sobrepesca industrial e a contaminación, para que entendamos que o seu uso sostible é esencial para a vida e a saúde do planeta.

Vídeo presentación

 

Javier Teniente, o seu autor, é un recoñecido e premiado fotógrafo vigués que leva ás súas costas traballos relativos ós conflitos provocados pola acción da guerra, a marxinación e os desastres naturais en diferentes lugares do mundo, entre os que caben destacar as reportaxes realizadas en Centroamérica (Furacán Mitch 1998), Kósovo (1999), Iraq (2003), Haití (2004) e a cobertura do desastre provocado polo Tsunami en Banda Aceh, Indonesia (xaneiro 2005). Durante anos colaborou como fotógrafo con Nacións Unidas, Médicos do Mundo, Médicos sen Fronteiras, Acción contra a fame e outras organizacións internacionais.

Desta vez o traballo de Javier Teniente inaugura un novo espacio expositivo: por primeira vez as instalacións do Centro de interpretación de Meirande complementan o seu contido museístico cunha sala de exposicións no seu interior, na sala de audiovisuais. "Deste xeito pretendemos abrir Meirande a novos proxectos culturais relacionados co mundo do mar, nunha ubicación ideal: ó pé da ría. Para nós é moi importante ademáis, achegar ós colectivos escolares esta exposición. As restriccións do covid e a dificultade actual que teñen os centros escolares de Redondela dificulta moitísimo poder trasladarse a eventos culturais fóra do noso municipio; nós cremos que a pesar das limitacións actuais, a cultura debe estar presente na educación e na vida de todas as persoas do noso municipio.", comenta D. Daniel Boullosa, Concelleiro de Cultura do Concello

A exposición estárá ubicada do 26 de Marzo ata o 29 de Abril no Museo de Meirande, Fábrica do Alemán s/n Rande, Redondela. O seu horario, polo tanto é de Martes a Venres, de 16:00 a 19:00 e Sábados e Domingos de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00. E o acceso será de balde sendo obrigatorio, en todo momento, manter as condicións de prevención do covid-19 (aforo limitado, mascarilla obrigatoria e desinfección de espacios e mans).

 

Dossier exposición (castelán)