Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Exposición:"Rompe. Xoga en Igualdade", a rompedora mostra con "Barbies intervidas" coma protagonistas

Deputación de Pontevedra
29-09-2019
0
Exposición:"Rompe. Xoga en Igualdade", a rompedora mostra con "Barbies intervidas" coma protagonistas

As famosas bonecas como arquetipo da "muller obxecto" que amosan situacións de desigualdade, violencia e discriminación estarán ata o 3 de novembro no Multiusos da Xunqueira.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á alcaldesa Digna Rivas, e a deputada de Cohesión Social, Olga Rodríguez, inaugurou o pasado 24 de setembro no Multiusos da Xunqueira de Redondela, a exposición "Rompe. Xoga en Igualdade". Esta mostra, que ten por obxectivo denunciar a discriminación e a desigualdade que sofren as mulleres a través dunha serie de escenas representadas por bonecas Barbie intervidas, estará aberta ao público ata o 3 de novembro e poderá visitarse de luns a venres de 8.00h a 14.00h e de 16.00h a 22.00h e os sábados, domingos e festivos de 10.00h a 14:00h e de 16:00h a 22:00h.

"Rompe. Xoga en Igualdade" é unha exposición itinerante creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. Está protagonizada polas famosas bonecas "Barbie", que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre homes e mulleres. Trátase dunha mostra vangardista e rompedora para golpear as conciencias e para facer pensar e reflexionar, cuxo obxectivo é non deixar a ninguén indiferente. Pretende "romper" e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e home e do fin da discriminación e da violencia contra o 52% da poboación. Para lograr estes obxectivos hai que "romper" e traballar arreo para evitar a invisibilidade das mulleres.

"Rompe. Xoga en Igualdade" consta de 18 paneis cheos de poesía visual que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. Así, as protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres dende nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación de nenas e nenos. As bonecas seleccionadas para a mostra foi a "Barbie" por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas dos nenos e nenas.