Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela pon en marcha ‘Faino por todos e por todas’, unha campaña de sensibilización e prevención fronte ao COVID-19

13-05-2020
0
Redondela pon en marcha ‘Faino por todos e por todas’, unha campaña de sensibilización e prevención fronte ao COVID-19

· O Concello chama á responsabilidade cidadá para que “todo o sacrificio e esforzo que supuxo o confinamento para a cidadanía, non teña sido en balde”

Redondela, 13 de maio de 2020

O Concello de Redondela, vén de anunciar a posta en marcha dunha campaña de sensibilización e prevención contra a COVID-19 que, baixo o nome de ‘Faino por todos e por todas’ busca poñer os medios precisos para garantir a seguridade dos veciños e veciñas do municipio nesta pandemia do coronavirus.

A campaña consta de dúas partes ben definidas, por unha banda unha “moi visual” con carteis situados nas zonas máis transitadas das parroquias e do casco urbano de Redondela, nos que se sinalan as medidas e recomendacións que debe seguir a veciñanza para previr o contaxio. A outra parte da campaña, “de claro compromiso social” explica o Concello de Redondela, correrá a cargo de voluntarios e voluntarias coa formación precisa para explicar á veciñanza as medidas que teñen que adoptar e como evitar os riscos nesta situación de emerxencia sanitaria.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou o feito de que por parte da Xunta de Galicia e do Sergas, “aínda non se nos aclarou ningunha das dúbidas que tíñamos sobre a liberdade horaria nas parroquias ou sobre a evolución da COVID-19 no noso municipio”. Esa información que solicitamos –engade a alcaldesa de Redondela– “a considerábamos, e a seguimos considerando imprescindible para a seguridade dos nosos veciños e veciñas” e amosa Rivas a súa estrañeza ante a “negativa reiterada e sistemática do Sergas de facilitarlle ao Concello de Redondela eses datos, sen que saibamos moi ben a que responde esa negativa”.

A rexedora local redondelá lembra que outras comunidades, como Asturias ou Cantabria, teñen informados continuamente aos seus municipios da evolución da pandemia nos seus termos municipais “de cara a que poidan adaptar as medidas preventivas e traballar de xeito máis eficaz no camiño desta Fase 1 cousa que, polo visto para a Xunta e o Sergas, non ten relevancia algunha”.

O goberno local por prudencia o sábado pasado non tomou a decisión da liberdade horaria nas parroquias pola seguridade dos nosos veciños e veciñas por enriba de calquera outra consideración, dixemos que esperaríamos a Comisión de Seguimento de hoxe mércores, para tomar as medidas máis adecuadas”.

A liberdade horaria a hora de pasear e facer deporte está permitida en tódalas parroquias de menos de 5000 habitantes dentro da demarcación da parroquia (excepto Redondela e Chapela) así o recolle o Boe. Pero este Concello aconsella por todo o anteriormente exposto que a hora de saír a pasear e facer deporte  sígase facendo respectando a franxa horaria no estado de alarma como ata agora.

Ante a falta de datos concretos por parte da Xunta de Galicia “nunha actitude incomprensible” recalca Digna Rivas, o Concello de Redondela inicia esta campaña ‘Faino por todos e por todas’ na que se insistirá nas dúas únicas medidas que, segundo a alcaldesa de Redondela, “poden frear a pandemia” que son a prevención e sensibilización da veciñanza.

Digna Rivas apelou á responsabilidade dos veciños e veciñas para que “o enorme sacrificio que supuxo o confinamento para a cidadanía, que o afrontou cunha actitude exemplar e responsable, e para as nosas empresas e comercios, sirva para seguir avanzando e que non tiremos ese esforzo por terra”.

“A pandemia non rematou e somos conscientes de que en Redondela hai un número considerable de casos activos nestes momentos”, afirma Digna Rivas, “a enfermidade segue aí fora e o único xeito que temos de freala é coa actitude responsable de cada quen que é, ao mesmo tempo, a mellor homenaxe que se lle pode facer a todos cantos estiveron traballando a pé de rúa, poñéndose eles e elas en perigo, para manter a sanidade e os servizos públicos en marcha. Esa é a mellor homenaxe que lles podemos facer”.