Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Festa da Coca nos ollos de Friedrich

Concello de Redondela
09-06-2022
0
A Festa da Coca nos ollos de Friedrich

O Arquivo Municipal e Luis Borines preparan unha exposición dixital dunha serie de fotografías sobre a Danza das espadas cando cumpren xusto 100 anos.

No 1922, Friedrich Christiansen, escritor e fotógrafo alemán, realizou unha viaxe por toda España retratando coa súa cámara e coas súas letras os sitios que lle chamaban a atención.

Chegou a Redondela e abraiado polos viaductos, polos conxuntos de canastros e polas artes de pesca da vila mariñeira, adicoulle un capítulo enteiro. O libro "Das Spanische volk" ("A xente española") viu a luz o 1937. Entre as súas páxinas, varias adicadas á Danza das espadas narrando o significado, a composición, a música

Luis Borines, coleccionista redondelán, fíxose cun exemplar do libro adicado manuscrito polo propio escitor a un amigo, así coma das fotografías sobre Redondela que nelas aparecen.

Borines compartiu co Arquivo municipal este tesouro, e xuntos comezaron a traducir do alemán as liñas escritas e investigar sobre as fotografías que nela aparecían sobre Redondela

Coa chegada da Festa da Coca, e aproveitando que as imaxes de Friedrich cumpren xusto 100 anos, a Concellaría de Cultura promoveu a publicación das imaxes e do traballo de investigación realizado entre Luis Borines e o Arquivo municipal. A indagación de hoxe aopoiouse nas propias fontes documentais, mais tamén nos datos atopados no propio Museo de Pontevedra, nas publicacións de D. Telmo Crespo Tojeiro ou nas charlas mantidas con D. Antonio Soto, estudiosos da Historia de Redondela. Deste xeito Luis Borines e Ana Gesteira, responsable do Arquivo municipal, deron co puzzle narrativo que agochan as imaxes centenarias.

A información e as imaxes estarán á disposición da veciñanza a través dunha exposición online nos MUPIS ou dispositivos de carteis dixitais, ubicados tanto a rúa Casto Sampedro de Redondela coma na Avenida de Vigo de Chapela dende o Sábado 11 de Xuño ata o Domingo 19 do mesmo mes.

Para aquelas persoas que non podan achegarse á vila de Redondela, as imaxes serán expostas tamén a través das redes sociais do Concello de Redondela, así coma na páxina web.