Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Concluídas as obras de saneamento no lugar de Albagueira, Trasmañó

Concello de Redondela
13-04-2022
0
 Concluídas as obras de saneamento no lugar de Albagueira, Trasmañó

Os traballos contaron cun investimento superior aos 57 000 euros con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

O Concello de Redondela rematou os traballos de dotación de servizo de saneamento a un núcleo de vivendas situadas no Albagueira, parroquia de San Vicente de Trasmañó, traballos que contaron cun investimento de 57 290,58 con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

As obras realizadas consistiron na execución dunha rede formada por un colector de 512,63 m de lonxitude con tubaxe de P.V.C. de parede compacta e clase SN4 de 250 mm de diámetro. A rede finaliza nun colector existente executada no mesmo diámetro cos colectores proxectados.

O cruzamento co río existente resolveuse levando o colector grampado ao canto do taboleiro do pontón que salva o río de forma que houbo afección algunha ao río. A rede complementouse con 20 pozos de rexistro de 1 m de diámetro colocados a distancias non superiores a 50 m, así como en derivacións e cambios de dirección e/ou pendente.

“A dotación de servizos básicos, como é o saneamento, é unha prioridade deste goberno e nesa liña seguiremos traballando”, afirma a alcaldesa Digna Rivas que subliña a importancia do Plan Concellos da Deputación “como ferramenta para que os Concellos poidan desenvolver obras que contribúan á mellora da calidade de vida da Cidadanía”.