Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Alumnado do IES Pedro Floriani atrévese co Flashmob no centro de Redondela, grazas a unha colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Concello de Redondela
25-05-2023
0
Alumnado do IES Pedro Floriani atrévese co Flashmob no centro de Redondela, grazas a unha colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

19 mozos e mozas estudantes de 1º curso de Bacharelato de Artes do IES Pedro Floriani interviron no espazo público redondelán a pasada semana nunha acción artística para a concienciación sobre o uso responsable da auga potable.

A acción tiña orixe nunha proposta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a través do Concello de Redondela, que é socio e parte do mesmo.

O Fondo Galego, a través do proxecto europeo People & Planet, un destino común está a ofrecer ás súas entidades socias a participación en actividades formativas e de sensibilización sobre as graves consecuencias do cambio climático.

Dadas as súas características, o Bacharelato de Artes foi o grupo escollido este ano para realizar unha actividade que servira de formación para os seus participantes, e de sensibilización e difusión para a cidadanía, a través da intervención do espazo urbano.

Mediante un traballo formativo que se dividiu en tres sesións, dinamizado pola cooperativa Artefeito, o estudantado recibiu formación en educación ambiental, e reflexionou sobre a importancia da auga, tomando consciencia sobre o seu respecto e uso responsable. Á súa vez, da man da directora e pedagoga teatral Helga Méndez, o grupo traballou diferentes dinámicas e técnicas teatrais, como movemento escénico, ritmos corporais, e recitado de textos literarios.

O pasado venres 19 de maio, ás 12:00 da mañá, o grupo realizou unha intervención na Praza da Constitución de Redondela, onde houbo lecturas de textos literarios arredor da auga, e diversos alegatos arredor do seu uso responsable.

Unha proposta moi inmersiva, entre o activismo e a formación en diferentes aspectos, que resultou de grande interese e satisfacción para os seus participantes, e que foi recibida con sorpresa e agrado polos veciños e viandantes.