Incautación na praia de Arealonga por marisqueo ilegal
Unha nova actuación de Medio Ambiente e Policía local contra o marisqueo ilegal, incautan marisco, requisan aparellos e identifican a catro persoas na praia de Arealonga.
Redondela 3 de Setembro de 2020, o departamento de Medio Ambiente do Concello de Redondela en coordinación coa Policía Local realizou unha nova operación de control e identificación de persoas por marisqueo ilegal no areal Chapela. Actuacións que continúan co compromiso adquirido polo Concello coa Confraría de Pescadores e o Colectivo de Mariscadoras.
Dentro das actividades de control medio ambiental no medio natural do concello de Redondela, a Concellaría de Medio Ambiente continua co control e vixilancia periódico das actividades que realizan usuarios e furtivos nos bancos marisqueiros que se encontran nas praias do municipio.
Nesta terceira operación programada polo departamento medio ambiental na que participou a Policía Local logrouse identificar a catro infractores, incautar un angazo, un sacho e bolsas con marisco que estaban agochadas debaixo de táboas, pedras, algas ou nos petos dos usuarios da praia . O marisco incautado que todo xunto tiña un peso aproximado de 7 quilogramos foi devolto o mar polos axentes e membros do departamento de medio ambiente que realizaron o seguimento da actuación.
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Apertura de expedientes
O departamento de medio ambiente procederá a apertura de expediente as persoas identificadas e estudará a imposición de medidas disciplinarias que lle permitan as competencias e legalidade vixente sobres este tipo de infraccións. Unha das persoas identificadas é reincidente e xa conta con expediente aberto nas actuacións realizadas do mes de Agosto .
Perigo para a saúde pública e a economía do colectivo de Mariscadoras
Este tipo de actividades poñen en perigo a saúde pública pois parte do marisco retirado polos furtivos acaba no mercado negro en grandes cantidades sen ningún tipo de control de tamaño e sanitario, que no caso de Arealonga o marisco precisa ser depurado para o seu consumo. Os usuarios que o retiran para o autoconsumo poñen en risco a súa propia saúde e familiares. Este tipo de actividades que se realizan fora da legalidade están prexudicando a estabilidade económica das traballadoras do mar que día a día se esforzan para ter un sustento no litoral de Redondela.
Faltas de respecto de cara os axentes e persoal do departamento de Medio Ambiente
Lonxe de entender e comprender que estas actividades ilegais causan prexuízos económicos e sanitarios, algúns usuarios e usuarias da praia procederon a increpar e faltar o respecto ao persoal do concello que estaba realizando esta operación contra o marisqueo ilegal.