Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Reunión telemática do Consello Local da Infancia e Adolescencia (CLIA)

Bibliotecas de Redondela
30-05-2020
0
Reunión telemática do Consello Local da Infancia e Adolescencia (CLIA)

Redondela inicia o camiño da participación “real e efectiva” da infancia e a adolescencia na vida municipal.

Mozas e mozos mantiveron unha reunión telemática coa alcaldesa, Digna Rivas; o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa e a concelleira de Ensino, Olga García de cara a establecer a folla de ruta para “un Consello Local da Infancia e a Adolescencia útil e operativo”. 

O Consello Local da Infancia e a Adolescencia (CLIA), cuxa posta en marcha tivo que ser aprazada ao coincidir coa declaración do estado de alarma e a conseguinte suspensión da actividade lectiva, celebrou onte a súa primeira reunión telemática de cara a establecer unha folla de ruta que o converta “nunha ferramenta de participación, útil e efectiva, da mocidade e a infancia na vida municipal”.

Nesta primeira reunión, mozas e mozos analizaron coa alcaldesa Digna Rivas; a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, as medidas que se tiñan adoptado por parte do Concello na loita contra a COVID-19 e as iniciativas que, a entender da infancia e da mocidade redondelá, poderían terse mellorado.

Tanto Digna Rivas coma Olga García e Daniel Boullosa, salientaron “o espírito de participación e colaboración dos mozos e mozas” que se reflectiu na presentación de propostas “tan útiles coma interesantes”.
Así, as e os participantes no CLIA, fixeron especial fincapé na necesidade, como medida previa á volta ás clases en setembro, “da realización de test da COVID-19, a todo o profesorado e ao alumnado para garantir a seguridade sanitaria de todos e todas”.

As rapazas e rapaces tamén achegaron propostas ben estudadas sobre a organización tanto dos espazos de lecer coma das aulas nos centros escolares “establecendo quendas de utilización nos espazos de recreo e facendo grupos de clases menos numerosos nas aulas para permitir a separación entre as mesas. A estas iniciativa engádense outras como a alternancia entre as clases presencias e telemáticas.

Tanto a alcaldesa como o concelleiro de Cultura e a concelleira de Ensino, salientaron a importancia dun CLIA “operativo, útil e áxil no que se presenten iniciativas que despois sexan tidas en conta e desenvolvidas polo Concello”.

Trátase, sinalaron, “de que mozos e mozas síntanse realmente partícipes da vida municipal e, sobre todo, que teñan a certeza que as súas achegas, ideas e propostas, serven para algo”. A alcaldesa Digna Rivas lembrou que a infancia e a mocidade, “non son o futuro de Redondela, senón que son xa o seu presente e, como tal, teñen que ter unha participación activa na vida do seu municipio”.

https://www.farodevigo.es/comarcas/2020/05/30/escolares-redondela-valoran-medidas-covid/2294272.html