Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Iniciados os traballos de acondicionamento dos camiños do Galleiro e A Pelourenza na parroquia do Viso

Concello de Redondela
05-08-2021
0
Iniciados os traballos de acondicionamento dos camiños do Galleiro e A Pelourenza na parroquia do Viso

As obras, que contan cun investimento de 23.441,72 € permitirán a mellora do firme e a xestión das augas pluviais en dous camiños que actualmente contan cunha capa de rodadura moi deteriorada. A Concellería de Vías e Obras do Concello de Redondela, que xestiona Vicente Lamas, vén de dar inicio aos traballos de mellora e acondicionamento do firme e xestión das augas pluviais nos camiños do Galleiro e A Pelourenza, ámbolos dous na parroquia do Viso, actuación que contará cun investimento de 23.441,72 euros (IVE incluído). Trátase de dúas vías moi utilizadas pola veciñanza e que contan cunha superficie de rodadura en aglomerado e formigón moi deteriorada polo que se procederá a un recrecido con mistura bituminosa en quente.

No camiño do Galleiro traballarase nunha longitude de algo máis de 165 metros cunha anchura media de 5,69 metros, mentres que no camiño da Pelourenza o tramo a acondicionar será de 75,20 metros cunha anchura media de 3,71 metros.

En ámbalas dúas vías os traballos inclúen as labores previas de varrido da superficie a pavimentar e demolición de recrecidos en formigón de cara a permitir a regularización da superficie para, posteriormente e unha vez preparada a zona, proceder ao estendido e compactado dunha capa de rodadura de 6 centímetros de espesor, segundo trabmos, con mestura bituminosa en quente, incluíndo a aplicación do rego de adherencia.

Dado que as labores inclúen tamén a xestión das augas pluviais, formaranse cunetas e entubado das augas pluviais coa dotación das correspondentes arquetas de rexistros e, finalmente, a posta á nova cota de tapas de pozos e as propias arquetas.

As actuacións forman parte das labores de mellora e adecuación da rede viaria municipal de cara a facilitar a mobilidade da veciñanza e garantindo as condicións de seguridade tanto para vehículos e peóns.