Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela homenaxeará en 2021 ás mulleres da Illa de San Simón

Concello de Redondela
03-03-2021
0
O Concello de Redondela homenaxeará en 2021 ás mulleres da Illa de San Simón

No ano 2021 o Concello de Redondela levará adiante o acordo plenario, do día 27 de febreiro de 2020, polo cal se declara o Ano das Mulleres de San Simón. Este acordo, aprobado por unanimidade, quere recoñecer os valores da solidariedade que as mulleres de Redondela practicaron nos duros anos da posguerra.

As actividades programadas queren axudar ao recoñecemento desta rede solidaria de axuda aos represaliados da guerra e que estiveron presos na illa e durante un tempo no buque-prisión Upo Mendi. Unha rede formada de maneira anónima por mulleres, en condicións precarias e no contexto de terror que supuxo a represión fascista en Galicia. Este grupo de mulleres, chamadas "As Madriñas", foron moito máis que lavandeiras. Houbo quen levaban comida, remendaban roupa, trasladaban cartas, ofrecían menciñas, habilitaban casas coma roupeiro e almacén, acollían as familias dos presos que viñan de fóra... Toda unha expresión de axuda solidaria, sen pedir nada a cambio, tan só como unha forma de contribuír a que a vida dos demócratas presos fose o menor dura posible.

Dentro das circunstancias que determine a situación sanitaria, o concello presentou unha axenda completa. A partir de abril comezarán as iniciativas públicas: por un lado, a inauguración dunha escultura dedicada aos fusilados e que estará situada no Alto da Concheira; e, polo outro, unha exposición itinerante polas parroquias que porá o rostro a cada unha das mulleres que integraron esta rede solidaria.

Ao longo do ano realizaranse entrevistas a familiares que serán compartidos nas redes sociais en formato de curtas, que servirá de base dunha reportaxe máis grande. O concello, ademais, adquiriu exemplares do libro de Eva Mejuto "A lavandeira de San Simón" (Xerais, 2021), que serán levados os centros escolares. Está previsto que no verán se realice un acto institucional de homenaxe na propia illa de San Simón. Para finalizar o ano instalarase unha nova escultura en Cesantes que lembre para sempre a solidariedade exercida polas mulleres de Redondela.

Por último, dende o concello, agradecemos a colaboración de asociacións como o Seminario de Estudos Redondeláns, Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy e o Colectivo Republicano de Redondela, así como de numerosas persoas a título persoal e a todos os familiares das mulleres homenaxeadas que colaboraron con este xusto recoñecemento do Concello de Redondela.