Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela homenaxea a Francisco Fernández del Riego nun acto na Alameda de Castelao

Concello de Redondela
18-05-2023
0
Redondela homenaxea a Francisco Fernández del Riego nun acto na Alameda de Castelao

Redondela homenaxea a Francisco Fernández del Riego e presenta unha iniciativa en recoñecemento aos grupos folclóricos do municipio pola súa labor coa nosa lingua. 

O Concello de Redondela a través da Concellería de Normalización Lingüística, dirixida pola alcaldesa Digna Rivas, sumouse a gran festa das Letras Galegas homenaxeando a Francisco Fernández del Riego na Alameda de Castelao. O acto institucional do 17 de maio tivo lugar ás 11:30h na Alameda de Castelao, alí asistiron centos de persoas para celebrar o día e ver  aos grupos folclóricos Son do Castro, Os Xuveniles, Anaquiños, Airiños de San Simón e O Carballo das Cen Pólas.

 Este ano o Concello presentou como novidade a creación dun recoñecemento especial aos grupos folclóricos do municipio. “Dende o SNL e dende a propia área de Alcaldía  pensamos en recoñecer o traballo que a prol da cultura e lingua galegas realizan os  grupos de folclore galego. A música e a lingua do noso país viviu século tras século  no pobo e na súa creación musical. A música popular ten un enorme valor na  pervivencia e transmisión do idioma galego. Por iso queremos hoxe recoñecelos publicamente. É unha sinxela homenaxe e  unha solicitude de compromiso”, explica Rivas.

 A homenaxe consistiu en que o Concello de Redondela entregou os  seguintes pendóns, cos nomes dos grupos e a parroquia á cal pertencen, para que  leven con orgullo a nosa música e lingua. E que leven por todos lados o nome de  Redondela de Galicia. Engadía a rexedora local que “debemos ser o único municipio de todo o noso país en que  levamos o nome de Galicia, non oficialmente pero sin dunha maneira informal pois  ese era o nome que se dicía nas paradas do ferrocarril”.

 

No seu discurso a alcaldesa convidaba “a que estes grupos celebren, co apoio do Concello, seráns ou foliadas en datas  especiais para Galicia. Sobre todo, de maneira singular, o 17 de maio e o 25 de  xulio, o día da nosa lingua e o día da nosa terra. Desta maneira queremos que nas parroquias se celebren estas datas e que  involucre a comunidade. Rivas explicaba que esta “é unha maneira de darlle protagonismo ás parroquias e  continuar con esta tendencia que dende o SNL se leva feito, tanto cos libros de  parroquias como cos libros de toponimia”. Continuaba o seu discurso facendo unha petición pública para que “ todos os grupos que consideredes esta  proposta, que levedes a música e a lingua presente en todo momento,  saibades que o concello de Redondela se sinte orgulloso da vosa tarefa e está aquí para prestar apoio”.

 A dedicatoria deste Día das Letras Galegas a Francisco Fernández del Riego ten un  valor especial para Redondela. Este home, que entregou toda a súa vida a prol da  cultura e da lingua galegas, ademais de manter un forte compromiso democrático  nos tempos do franquismo, participou en distintos actos organizados no municipio. Digna Rivas destacaba tres destes actos comezando pola “súa participación como membro do xurado do  primeiro certame de novela longa Eduardo Blanco Amor, organizado en 1981 e impulsado polo noso concello -engadir que a día de hoxe é o premio de  novela longa en galego con máis edicións da historia-; a súa conferencia na  inauguración da Sociedade Labrego-Cultural de Reboreda; e a doazón de medio milleiro de volumes do seu fondo particular á biblioteca municipal”.

 A labor do SNL desenvólvese durante todo o ano. Sen ir máis lonxe, semanas atrás as escolas públicas de Redondela tiveron ocasión de coñecer, por  medio dun contacontos ilustrado promocionado dende o Servizo de Normalización, a figura de Fernández del Riego. “De nós depende Galicia e a  súa lingua. Fagamos realidade os desexos do grande amigo de Fernández del Riego, o excelente escritor Álvaro Cunqueiro; fagamos realidade o desexo de que  a lingua galega dure mil primaveras máis”, conclúe Rivas.