Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Fin de semana de música e tradición galega en Redondela con Mercedes Peón e Xabier Díaz

Concello de Redondela
08-11-2023
0
Fin de semana de música e tradición galega en Redondela con Mercedes Peón e Xabier Díaz

Este sábado o Concello de Redondela homenaxea á musicóloga Dorothé Shubart coas actuacións de Mercedes Peón e Xabier Díaz ás 19.30 horas no auditorio da Xunqueira. Previamente, ás 12.00 horas, celébrase un concerto para o público infantil e familiar. Os tradicionais magostos chegan no serán do sábado ás parroquias de Redondela que celebran tamén o San Maritño con citas en Ventosela, Vilar, Cedeira e Quintela. O ciclo de Humor na súa Tinta propón o domingo a obra “8 apellidos andaluces”, conducido polos humoristas Quique de la Fuente, Txapela de Cádiz, Abraham Martín e Jesús Piña.

Homenaxe a Dorothé Shubart

O Concello de Redondela celebra este sábado 11 de novembro unha homenaxe á musicóloga Dorothé Schubart. As actividades comezarán ás 12.00 horas cun concerto infantil baseado no seu traballo arredor do "Cancioneiro popular galego" que leva por título "Café Dorothé". Unha forma de achegar a nosa música tradicional, pero tamén a Dorothé, ás crianzas. O concerto será no Auditorio da Xunqueira con entrada de balde até completar a capacidade. Pola tarde, chegará o acto central co apoio do Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega. O acto combinará unha parte musical e palabras que representen tanto a música e o baile tradicionais con grupos de folclore local e varias pezas de base popular interpretadas para voz e piano. Xabier Díaz e Mercedes Peón participarán nesta actividade de voz cantada e falada. Tamén intervirá Antón Santamarina, a persoa que traballou con Dorothé na recollida da nosa tradición musical a finais dos anos 70. O acto da tarde comezará ás 19:30, no mesmo Auditorio da Xunqueira.

Dorothé recibiu distintos recoñecementos públicos nos últimos anos: Galardón Honorífico dos Premios Martín Códax (2017), Premio Honorífico da Asociación de Músicos ao Vivo (2017), Mestatra da memoria 2019 da Asocaición de Escritores/as en Lenga Galega ou o Día das Galegas nas Letras na súa primeira edición en 2014. Tamén foi recoñecida por institucións como as universidades de Vigo e Santiago, ou entidades culturais como o propio Consello da Cultura Galega e o Museo do pobo Galego.

O traballo de Dorothé está a disposición do público e de acceso dende a rede, tanto no Arquivo Sonoro de Galicia como no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego. Unha mostra da xenerosidade e do compromiso de Shubart coa nosa traidición musical e popular.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destaca o carácter nacional que lle outorgan a este acto: "dende Redondela queremos contribuír a perpetuar a memoria de Dorothé e a recoñecer a súa valiosa tarefa a prol da nosa memoria popular, sobre todo a memoria de moitas mulleres que sen estudos mantiveron a música e a letra de tantas cantigas. Foi unha acción necesaria e extraordinaria, pois estivo percorrendo as aldeas de Galicia nun tempo en que as comunicacións seguían sendo difíciles. Dende o noso municipio queremos que sexa unha homenaxe que teña carácter nacional para que toda Galicia se sinta aquí representada. Redondela foi e é pioneiro na defensa do idioma e da cultura galegas. Cremos que tiñamos que celebrar este acto ante o silencio de entidades como a Xunta de Galicia e o seu presidente. Que unha musicólogo chegada dende Suíza aprendese o noso idioma, recollese o cancioneiro e entregase todo para as futuras xeraciós, cremos que merece un acto con toda a humildade pero tamén con toda a dignidade. Isto é o propósito que nos marcamos dende Redondela".

 

Celebracións do San Martiño e magostos nas parroquias

Os tradicionais magostos, tan propios do outono galego, chegan no serán do sábado ás parroquias de Redondela. En Ventosela celébrase ás 17.00 horas no Centro Cultural A Miñoteira dentro da programación das festas de San Martiño. Ás 19.00 horas comezará o magosto en Cedeira e ás 20.00 na parroquia de Quintela. A parroquia de Vilar de Infesta celebra tamén o San Martiño cun magosto popular e actuacións de grupos de música tradicional para rematar coa verbena nocturna.


Humor na súa Tinta con "8 apellidos andaluces"


O ciclo de Humor na súa Tinta achega este domingo a Redondela a obra “8 apellidos andaluces”, conducido polos humoristas Quique de la Fuente, Txapela de Cádiz, Abraham Martín e Jesús Piña. Un espectáculo con "salero", cargado de ironía e moita improvisación. Os autores prometen un humor "100% andaluz", apto para todos os públicos "e altamente recomendable para aquelas persoas que queiran illarse de problemas ou saír das súas rutinas" xa que non poderán parar de rir "e iso alegra e mellora a vida", aseguran.

A cita é ás 19.00 horas no auditorio da Xunqueira, o prezo da entrada anticipada é de 13 euros máis gastos e 16 euros na billeteira.